Escoitar
O certame desenvolverase do 19 ó 24 de marzo e está organizado pola Concellería de Cultura

A arte na rede centra o IX Festival Internacional de Vídeo

venres, 16 mar 2001
imx34.jpg
A novena edición do Festival Internacional de Vídeo mergúllase na rede na procura de experiencias novidosas e interesantes, mantendo a súa dimensión internacional, tanto nas creacións elixidas como nas liñas de debate definidas.

Este festival recolle, desde 1990, a pluralidade de opcións creativas que as tecnoloxías permiten, constituíndose nunha plataforma de exhibición, investigación e intercambio entre artistas, distribuidores, centros de creación e difusión de diversos puntos do planeta.

A exposición Net.art concíbese como un espacio interactivo no que o usuario pode acceder a unha escolma de sitios relacionados directamente coa creación da rede desde distintas ópticas, que van do intercambio de información sobre recursos técnicos, á explotación creativa, acceso a museos virtuais ou ós centros de estudio e investigación en novas tecnoloxías de distintos países. Esta mostra estará instalada na Casa das Artes do 19 ó 24 de marzo e permanecerá aberta de 10:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:30 horas.

A Sala de Conferencias da Aula Sociocultural de Caixa Galicia acollerá un foro de intercambio de ideas, debate e exposición de proxectos relacionados coa creación na rede, centrado no panorama europeo. Trataranse cuestións que xeneran os novos soportes tales como o acceso á tecnoloxía, difusión ou dereitos de autor. Comezarán ás 20:00 horas, agás o sábado 24 de marzo, que será ás 17:00 horas.

Neste noveno Festival Internacional de Vídeo inscribíronse máis dun cento de obras para participar na sección competitiva. Este concurso premiará as creacións que destaquen pola súa escrita singular e pola innovación no manexo da linguaxe videográfica. De tódalas obras recibidas, unha trintena optarán ó primeiro premio dotado con 500.000 pesetas e ós dous accésit de 250.000 pesetas. Os vídeos en competición proxectaranse do 19 ó 23 de marzo de 18:00 ás 20:00 horas na Sala de Conferencias da Aula Sociocultural de Caixa Galicia.

Descargar todas as imaxes