Escoitar

A cerimonia de recoñecemento ós ”Vigueses distinguidos” será o martes 27 de marzo

venres, 16 mar 2001
A Comisión de Goberno extraordinaria completou a lista inicial de ”Vigueses distinguidos 2001” coa inclusión da Asociación de Mulleres Rosalía de Castro de Cabral: coa voceira da Asociación de Enfermos Musculares, Carmen Vilaboa: coa empresaria Pili Carrera: coa presidenta da Asociación Protectora de Animais de Vigo, Amparo Roger: e coa xornalista María del Carmen Parada.

A Asociación Rosalía de Castro foi elixida por ser unha das máis veteranas e tamén das máis nutridas asociacións de mulleres da cidade. É impulsora de actividades culturais e de ocio, destinadas ás mulleres de Cabral, e incentiva a participación activa para a promoción da igualdade.

A voceira da Asociación de Enfermos Musculares, Carmen Vilaboa, obterá o recoñecemento ó seu labor a prol da creación dunha cidade adaptada ás necesidades de todas as persoas a través da eliminación das barreiras arquitectónicas. Asemade, representa un exemplo de coraxe e superación persoal para todos aqueles que teñen que enfrontarse a unha enfermidade que lles impide desenvolverse con normalidade.

A empresaria Pili Carrera conseguirá a distinción pola proxección da súa sociedade téxtil de moda infantil nos mercados nacional e internacional a partir dun pequeno obradoiro no Calvario. Hoxe, Pili Carrera é unha das empresas punteiras do sector da moda infantil.

A presidenta da Asociación Protectora de Animais, Amparo Roger Piñeiro, recibirá a condecoración pola súa constancia no traballo de defensa dos animais e a súa intensa colaboración co Concello nesa tarefa. Amparo Roger preside a Sociedade Protectora desde 1985. O seu traballo desinteresado permitiu ofrecer refuxio a centos de cans abandonados.

A xornalista Carmen Parada será outra das integrantes da lista de ”Vigueses distinguidos”, polo seu traballo informativo en diversos medios de comunicación locais. Nacida na localidade luguesa de Sarria pero viguesa de adopción, foi unha das primeiras mulleres que exerceu o xornalismo no noso país. Traballou durante moitos anos en diversos xornais da cidade como El Pueblo Gallego, Faro de Vigo e La Voz de Galicia. Malia a súa recente xubilación, segue desenvolvendo unha intensa actividade colaborando en diversas publicacións.

Outros persoeiros que recibirán a distinción son o historiador Pedro Díaz Álvarez, autor da guía sobre o barrio histórico de Vigo ”A caracola de Pedra” e donante dunha colección de pezas megalíticas e castrexas: o membro do clube Ampfiv Sebastián Rodríguez ”Chano”, e gañador de cinco medallas de ouro nos xogos paralímpicos de Sidney: o colectivo de traballadores de Mar, pola defensa dos dereitos laborais tralo peche da empresa e o mestre de gaiteiros Antón Corral, polo seu traballo na Universidade Popular e na banda de gaitas Xarabal.

Tamén recibirán a condecoración o ex-responsable de medicina interna no Hospital Municipal Antonio Sierra Calvo, pola defensa da sanidade pública: o Padre Carlos Ortiz Ramos, da Asociación Galega San Francisco, pola súa atención integral ós diminuídos psíquicos: o presidente da Federación de Peñas Recreativas ”El Olivo”, Juan Carlos Padín Nieto, polo seu labor de cohesión social: o atleta Alfonso Posada Sánchez, pola súa contribución ó deporte vigués e o membro do Comité de Dirección do Grupo PSA Peugeot-Citroën Javier Riera Nieves, polo seu compromiso co futuro estratéxico da cidade.

O acto de entrega das distincións será o martes 27 de marzo ás 20:00 horas no Centro Cultural Caixanova. Asemade, imporáselle a Medalla da Cidade á Escola de Enxeñería Técnica Industrial no seu centenario.