Escoitar

Recoñecemento público á Casa de Acollida de Vigo

A Federación Veciñal "Eduardo Chao" , con motivo do "Día Internacional Contra a Violencia de Xénero" , recoñecerá o labor da Casa de Acollida nun acto que se celebrará o día 22 ás 19 horas no salón de actos da Federación (praza da Princesa).

martes, 21 nov 2006
O acto comezará coa entrega dunha manta de patchwork á Casa de Acollida de Vigo, como recoñecemento ao seu labor e como entidade municipal máis representativa na axuda ás mulleres que sofren a violencia. A manta está feita polas alumnas do curso de patchwork organizado pola Vogalía de Muller da A.V. de Lavadores dentro do programa municipal "Eu Tamén Sei", e será recollida pola concelleira de Muller Lucía Molares.

Esta manta simboliza a famosa manta da Marcha Mundial das Mulleres, que as acompaña no seu percorrido polos cinco continentes; unha manta feita de anacos tipo "patchwork" e que vai engadindo un fragmento de tea (50 x 50 cms) en cada país visitado, creando un mosaico que simboliza a solidariedade entre as mulleres de todo o mundo e cuxo obxectivo é o de coser xuntas unha inmensa manta de tódolos tipos de teas (coas máis características de cada país) para rematala definitivamente nun dos países máis pobres da terra.

O acto seguirá con dous relatorios e debate posterior. A primeira intervención correrá a cargo de Beatriz Monroy (psicóloga e responsable do servizo da Federación Veciñal de atención á muller "Punto Informa"), que dará verbo das devastadoras consecuencias psicolóxicas da violencia de xénero ou "síndrome da muller maltratada". Tentarase configurar un perfil psicolóxico das mulleres sometidas aos malos tratos para que ese diagnóstico poida ser útil tanto para recoñecelo nunha mesma como para testemuñar nun xuízo. Farase fincapé en que os asasinatos son tan só a punta do iceberg dun problema onde os danos psicolóxicos son os máis devastadores e os que non se afrontan de modo preventivo.

A continuación Sandra Fernández Rodríguez (Secretaria do Sindicato Unificado de Policía (S.U.P.) – unidade adscrita á Xunta de Galicia e representante do Foro de Malos Tratos do S.U.P.) dará a coñecer os procedementos que se seguen e os mecanismos que se poñen en marcha cando unha muller chega á comisaría a denunciar. Todo para que as mulleres perdan o medo a denunciar, coñezan o trato humano que recibirán e que existe un apoio constante e un seguimento neste primeiro paso para cambiar a súa realidade.