Escoitar

O Bus da Igualdade aparca en Vigo

O Bus da Igualdade permanecerá desde o día 20 ata o 5 de decembro nas rúas de Vigo co fin de sensibilizar en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.O Bus da Igualdade é unha iniciativa do proxecto Equal Conta con Elas da Agrupación de Desenvolvemento Área Metropolitana de Vigo.

luns, 20 nov 2006
1164022257busigualda.jpg
Hoxe luns 20 de novembro comeza en Vigo o Mes da Igualdade coa presenza do Bus da Igualdade na rúa do Príncipe de Vigo. Ao acto asistiron Lucía Molares, concelleira delegada para o Proxecto Conta con Elas, Nidia Arévalo, deputada provincial, e representantes da Mancomunidade de Vigo.

O bus permanecerá do día 20 de novembro ao 5 de decembro con horario de 10:30 a 13:30 e 17:00 a 20:00 nas rúas de Vigo, dirixíndose especialmente ás zonas con poboación en idade escolar.

O bus estará en Coruxo, Saiáns, Teis, Bouzas, Praza de América, Rúa Aragón e na Rúa do Príncipe. No mes de marzo, ao redor do día da Muller, volverá a estar nas rúas viguesas.

Ata a data de hoxe o Bus estivo nos concellos de Redondela, Baiona, Soutomaior, O Porriño, Gondomar e Nigrán, ademais de nas feiras Sico e Navalia. Máis de 1000 persoas, delas 725 escolares de 14 a 16 anos, visitaron o bus e participaron nas actividades.

O bus está dotado de xogos interactivos, aplicacións informáticas e multimedia e material informativo que poderán utilizar as persoas que o visiten.

O Proxecto Conta con Elas enmárcase dentro da iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, dedicada a promover novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado de traballo aberto a todos e todas, a través da sensibilización en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para corrixir a segregación horizontal e vertical no eido laboral. O orzamento do proxecto, preto dos tres millóns de euros, é un dos máis altos de España.
Descargar todas as imaxes