Escoitar

Concello de Vigo e Fundación Caixa Galicia renovan a súa colaboración no ámbito da cultura

O convenio asinado hoxe entre a alcaldesa e o vicepresidente da Fundación Caixa Galicia, con vixencia dun ano, supón unha achega total de 420.000 euros por parte da Fundación. Os eventos culturais quedarán repartidos entre as dúas entidades para a súa organización.

luns, 16 out 2006
1161004143caixagalicia161006boa.jpg
A alcaldesa Corina Porro e o vicepresidente da Fundación Caixa Galicia, José Luis Méndez López, asinaron un convenio de colaboración para a realización de diversos proxectos culturais na cidade de Vigo durante 2006. A Fundación Caixa Galicia ten como obxectivo a xestión de actividades no ámbito cultural, polo que o Concello de Vigo considera esta colaboración idónea para a execución dos diversos proxectos e programas culturais que promove como servizo aos cidadáns.

As actividades organizadas pola Concellaría de Cultura en colaboración coa Fundación Caixa Galicia, son as seguintes:

Festival de Música de Vigo "Are More 2006". Celebrarase entre o 20 de outubro e o 19 de decembro. O orzamento total do festival é de 400.000 euros. O Concello achega 200.000 euros e Caixa Galicia os outros 200.000.

- Exposición "Os Hernández. Ourives de Vigo". Esta exposición inaugurouse o 28 de xuño e podese visitar ata o 30 de novembro no Museo Municipal. Ata o de agora visitárona 6.000 persoas. O seu orzamento total é de 66.000 euros. O Concello achega 39.600 e a Fundación, 26.400.

Xornadas de filosofía. Estas xornadas celébranse do 17 ao 20 de outubro e tratarán o tema "¿Civilizacións en conflicto?". Están organizadas polo Grupo Aletheia, formado por catedráticos de filosofía de institutos da cidade. Nesta edición as xornadas contarán con ponentes de recoñecido prestixio académico. O orzamento é de 14.000 euros, dos que o Concello achega 7.000 e a Fundación Caixa Galicia outros 7.000.

Ciclo de conferencias "Ámbitos de Galicia". Desenvolverase o próximo mes de novembro e centrarase nas infraestruturas de comunicación e transporte de Galicia. O orzamento total é de 12.000 euros. O Concello achega 7.200 e a Fundación, 4.800.

Exposición "Arquitectura Racionalista en Vigo". Abrirase ao público o próximo mes de xaneiro na Casa das Artes. En paralelo á exposición editarase unha publicación sobre a arquitectura racionalista en Vigo. O custo é de 46.000 euros; 27.600 achégaos o Concello e 18.400, a Fundación.
Descargar todas as imaxes