Escoitar

Comeza o concurso pop-rock "MusicaliA" coa actuación dos grupos Grasa e Killer Barbies

O venres 6 de outubro, ás 22:30h., terá lugar na Sala A (Beiramar, 113) a inauguración da segunda fase do concurso pop-rock "MusicaliA 2006", patrocinado pola Concellería de Xuventude do Concello de Vigo, e que contará coa actuación en directo dos grupos "Grasa" e "Killer Barbies".

xoves, 5 out 2006
11600525331147175528musicali.jpg
MusicaliA 2006 é un concurso de pop-rock que pretende apoiar e fomentar a ilusión dos grupos de Galicia e do norte de Portugal que buscan abrirse camiño no mundo da música.

Na primeira fase deste concurso, máis de 100 grupos enviaron as súas maquetas á Casa da Xuventude de Vigo e, unha vez rematado o prazo de entrega, realizouse unha preselección por parte de profesionais da música onde se valoraba especialmente a orixinalidade e a calidade das composicións, tanto nos textos coma na musicalidade.

A segunda fase consiste nunha serie de concertos nos que os 36 grupos seleccionados actuarán en directo na Sala A, a razón de tres grupos por noite. O xurado puntuará agora tamén a posta en escena e escollerá a tres grupos que pasarán á final.

Os concertos de semifinais comezarán o venres 13 de outubro e terán lugar todos os venres dos meses de outubro e novembro do presente ano e de febreiro e marzo de 2007. A celebración da gran final será o venres 30 de marzo de 2007.

Os gañadores deste concurso, ademais de premios en metálico e en material musical, poderán actuar como teloneiros de grupos xa consolidados nos seguintes meses. O gañador recibirá 10.000 euros, o segundo 5.000 e o terceiro 2.500 euros. O 25 por cento dos galardóns será entregado en metálico e o resto completarase con material musical.
Descargar todas as imaxes