Escoitar

A II Mostra de Voluntariado reunirá 28 asociacións no Centro Comercial Gran Vía

A Oficina Municipal de Voluntariado, co patrocinio da Xunta, organiza a II Mostra de Voluntariado de Vigo, que terá lugar o venres e o sábado no Centro Comercial Gran Vía. Vinte e oito entidades de voluntariado darán a coñecer o seu traballo mediante este evento, co obxectivo de concienciar os cidadáns para que colaboren con elas.

mércores, 4 out 2006
1159962026volunmostra041006.jpg
A mostra, que foi presentada hoxe mércores pola concelleira delegada de Voluntariado, Lucía Molares, e o xerente do Centro Comercial Gran Vía, Fernando Pinto, reunirá entidades de voluntariado de diferentes ámbitos (de servizos sociais, relixiosas, deportivas, culturais, etc.) para dar testemuño do que Molares definiu como "rico tecido asociativo" de Vigo. Xunto a estas asociacións estará a Oficina Municipal de Voluntariado.

Ademais do incremento do número de participantes (foron 22 entidades en 2005), a principal novidade da edición deste ano é o feito de acoller todas as asociacións e todas as actividades nun mesmo centro comercial. O ano pasado a mostra tivo lugar nos centros comerciais Plaza Elíptica e Travesía.

A elección dun só centro comercial e dunha fin de semana para a realización deste evento responde á intención de difundir da mellor maneira posible o labor das entidades participantes entre a cidadanía viguesa, e para iso as asociacións contarán con stands nos que darán información a todos os que se acheguen ao Centro Comercial Gran Vía.

O programa de actividades da mostra, elaborado polas propias asociacións, diríxese de forma especial a nenos e nenas e componse dun conxunto de actividades permanentes, que inclúe animación con personaxes caracterizados, zancudos e malabaristas, actuacións improvisadas e reparto de folletos e información.

Ademais, durante os dous días que durará a mostra ofreceranse as seguintes actividades:

VENRES
17:00 Obradoiro de papiroflexia (a cargo de Solidarios para el Desarrollo)
17:30 Actuacións de clowns
18:00 Obradoiro LSE (FAXPG)
18:30 Interpretación de soños
19:00 Karaoke infantil (Down Vigo)
19:30 Obradoiro de maquillaxe
20:00 Obradoiro de coiro (Alento)

SÁBADO
11:00 Obradorio de coiro (Alento)
11:30 Interpretación de soños
12:00 Obradoiro LSE (FAXPG)
12:30 Actuacións de clowns
13:00 Slálom (A.PA.M.P.)
13:30 Obradoiro de globoflexia
17:00 Obradoiro de papiroflexia (Solidarios para el Desarrollo)
17:30 Actuacións de clowns
18:00 Obradoiro LSE (FAXPG)
18:30 Interpretación de soños
19:00 Obradoiro de coiro (Alento)
19:30 Obradoiro de maquillaxe

Estas actividades complementaranse coa venda de produtos de elaboración propia e actuacións improvisadas e animación a cargo dun grupo de teatro.
Descargar todas as imaxes