Escoitar

Os combates de enxeño xuvenil volven aos escenarios de Vigo

A Concellaría de Xuventude organiza a II Liga de Improvisación para Xóvenes Afeccionad@s (LIXA), que terá lugar do 20 de outubro ao 2 de decembro coa participación de mozos e mozas de 14 a 30 anos organizados en equipos de cinco xogadores.

martes, 3 out 2006
1159873472lixa031006.gif
A LIXA é unha competición de teatro deportivo, coordinada dentro do programa "Súbete ao Castro" e consistente en combates de improvisación entre conxuntos de actores e actrices de Vigo. Trátase dunha iniciativa única en Galicia e pioneira no resto de España, xa que constitúe a primeira liga destas características para a mocidade afeccionada que se fai no Estado.

Na liga participarán equipos de cinco xogadores formados por mozos e mozas de 14 a 30 anos. Espérase que a maioría deles sexan estudantes de centros de ensino secundario ou membros de asociacións veciñais, centros culturais e, como non, da Escola Municipal de Teatro. O prazo de inscrición abriuse o 25 de setembro e finaliza o próximo 10 de outubro.

A competición desenvolverase na Sala A (Beiramar, 113), con entrada gratis para todos os compañeiros, compañeiras e familiares dos participantes. Esta sala habilitarase como espazo saudable para que a mocidade de Vigo goce de "bo teatro en efervescencia". Os primeiros combates libraranse o 20 de outubro e serán seguidos de máis encontros todos os venres polo serán ata o 2 de decembro, día da final. O combate definitivo terá lugar no Conservatorio Superior de Música, situado no monte do Castro, e nel medirán o seu enxeño os dous mellores equipos da cidade.

Máis información en www.lixa.info.
Descargar todas as imaxes