Escoitar

Última semana da exposición Do Revés no MARCO

Este domingo será clausurada a exposición "Do Revés. Artistas contemporáneos de Israel", que reúne un total de 54 obras de 14 artistas dese país. Ademais, o próximo 20 de outubro finaliza o prazo de presentación de candidaturas para o I Premio MARCO’06 de Novos Comisarios.

martes, 3 out 2006
1159868271marcodoreves031006.jpg
Unha das obras de Keren Assaf
Os artistas que participan en Do Revés son Keren Assaf, Yael Bartana, Guy Ben-Ner, Ori Gersht, Varda Getzow, Talia Keinan, Miki Kratsman, Sigalit Landau, Adi Nes, Eliezer Sonnenschein, Gal Weinstein, Nadav Weissman, Sharon Ya’ari e Rona Yefman. As súas obras non constitúen un bloque circunscrito a unha ideoloxía nacional, nin a unha visión colectiva ou a unha corrente estética uniforme. Son tan só unha mostra do rico e complexo panorama artístico israelí.

O comisario da exposición, Octavio Zaya, exprésao deste xeito: "Máis alá de ideas preconcibidas e asuncións, de prexuizos, clichés e outras nocións asociadas ás súas creacións, ningunha se podería identificar especificamente como israelí, nin revelaría unhas características ou patróns identitarios que configuren unha idiosincrasia ou estereotipo cultural. Se acaso, a complexidade e multiplicidade que manifestan as súas obras estaría inspirada por variadas condicións, circunstancias e factores que se identifican coa súa diversidade cultural e política".

O catálogo da exposición, coeditado polo propio museo e a editorial barcelonesa Actar, xa está á venda na tenda-librería do MARCO. Ademais dun texto de Octavio Zaya e outro da recoñecida historiadora e comisaria israelí Tali Tamir, inclúe análises sobre a obra de cada un dos artistas, a cargo de Or Gottlib, Drorit Gur-Arie, Joanna Lowry, Ruti Direktor, Ariella Azulay, Katerina Gregos e Roy Brand, entre outros, que se completan con notas biográficas e reproducións das obras en exposición.

A mostra Do Revés permanecerá ata o domingo nas salas de exposición da planta baixa do MARCO, cos seguintes horarios: de martes a sábados, de 11:00 a 21:00, e o domingo, de 11:00 a 15:00.

Novos Comisarios

Por outra parte, o prazo de presentación de candidaturas para o I Premio MARCO´06 de Novos Comisarios, convocado pola Fundación MARCO, continúa aberto ata o 20 de outubro. O obxectivo desta convocatoria é a realización, entre os meses de xullo e setembro de 2007, dun proxecto expositivo destinado ao primeiro andar do Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

Os proxectos presentados ata o de agora proceden dos máis variados lugares. Desde que se abriu o prazo para presentar solicitudes no mes de xullo pasado, téñense recibido candidaturas de México, Portugal, Alemaña, Holanda e Italia, entre outros países.

Trátase da primeira convocatoria destas características realizada nunca en Galicia. Os criterios de valoración das propostas terán en conta a súa calidade e adecuación ás características do primeiro andar do MARCO como sala de exposicións, e o/a comisario/a do proxecto gañador recibirá a cantidade de 5.000 euros en concepto de honorarios.

O xurado estará integrado por:
- Eva González Sancho, directora do FRAC Bourgogne, Francia
- Juan de Nieves, director artístico do Espai d'art contemporani de Castelló (EACC)
- Javier Pérez Buján, director da Fundación Laxeiro, Vigo
- Miguel Wandschneider, comisario de Culturgest Lisboa, Portugal
- Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO, Vigo
Descargar todas as imaxes