Escoitar

Sangue novo para o Centro de Transfusión de Galicia

O Concello vai distribuír a partir do presente mes de agosto entre os mozos e mozas vigueses que cumpran 18 anos ao longo de 2006 unha carta na que se fai un chamamento á participación nas campañas de doazón de sangue.

mércores, 9 ago 2006
1155125279sangue090806.jpg
A carta, asinada pola alcaldesa, Corina Porro, e o director do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), Julio Cabrera, enviarase a partir do presente mes de agosto aos mozos e mozas vigueses que cumpran 18 anos en 2006, acompañada dun folleto que recolle información básica sobre este xesto solidario.

A misiva refírese á transcendental importancia da doazón de sangue no sostemento do sistema sanitario. Así, recorda que cada día nos hospitais galegos se realiza unha media de 500 intervencións cirúrxicas e que se atenden arredor de 2.700 urxencias. "Para poder facelo", engade, "precísanse tódolos días preto de 500 doazóns de sangue", un líquido que "non se pode fabricar". É por iso que o Concello e o CTG piden aos destinatarios da carta que doen sangue "alomenos unha vez ao ano".

Os mozos e mozas de 18 a 22 anos fan o 15% de todas as doazóns de sangue en Galicia.

Base de doadores

A alcaldesa de Vigo e o director do CTG, que presentaron hoxe mércores a iniciativa, sinalaron como obxectivo desta campaña a ampliación da actual base de doadores de Galicia, especialmente na área sanitaria de Vigo. Deste xeito, segundo afirmou Corina Porro, conseguirase que "moitas persoas poidan resolver os seus problemas de saúde" e mesmo "salvar as súas vidas".

Esta iniciativa coincide coa realización da campaña de doazón "Verán 2006", que está a desenvolver a Consellaría de Sanidade por medio do CTG e que ten como obxectivo manter estable o volume de doazóns de sangue durante o período estival, no que se ven incrementadas substancialmente as urxencias derivadas de accidentes de tráfico.

Solidariedade

Tanto Corina Porro como Rafael Cabrera salientaron o carácter solidario de Vigo, que das sete cidades galegas é a que rexistra o maior número de doazóns de sangue (15.166), cunha taxa de doazóns por habitante (54/1000) superior nun punto á media destes mesmos sete núcleos urbanos e en dez á media galega, mesmo a pesar do descenso do 2% rexistrado en 2005 con respecto ao ano anterior.

Na actualidade son dúas as unidades móbiles do CTG que intentan facilitar a doazón de sangue en Vigo e nos concellos limítrofes. Ademais, os cidadáns poden doar sangue no local do CTG situado no Hospital Nicolás Peña. Pódese obter máis información sobre a doazón de sangue na liña gratuíta do CTG (900 100 828, de 08:00 a 22:00 horas) e na páxina web www.ctg.sergas.es.
Descargar todas as imaxes