Escoitar

As axudas municipais á creación de empresas ascenderán a 120.000 euros en 2006

O Goberno municipal aprobou hoxe luns as bases reguladoras da convocatoria de 2006 do programa de axudas municipais á creación de empresas, que contará cunha partida de 120.000 euros. Este programa de axudas é parte do Plan Municipal de Emprego 2004-2007, aprobado polo Pleno do Concello o 26 de xaneiro de 2004.

luns, 19 xuñ 2006
1150720300xunta190606.jpg
Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais e as pequenas e medianas empresas, independentemente da súa forma xurídica, constituídos entre o 1 de xuño de 2005 e o 31 de maio de 2006. Con carácter xeral, o importe máximo das axudas será de 3.000 euros, aínda que esta cifra se incrementará en 500 euros cando a empresa benficiaria teña entre os seus socios traballadores algunha persoa vítima da violencia doméstica.

Tamén no marco do Plan Municipal de Emprego, o Goberno deu o seu visto bo ás bases da convocatoria de axudas á contratación, á cal se destinarán 30.000 euros.

Por outra parte, a Xunta de Goberno decidiu destinar 500.000 euros ao dispositivo de atención á infancia e á familia, que se contratará por dous anos a través dunha asistencia técnica. Polo mesmo acordo quedou convocada a licitación para a selección do contratista.

Así mesmo, foi aprobado o plan de seguridade e saúde das obras de execución do proxecto arquitectónico de musealización da Vila Romana de Toralla, na súa primeira fase, correspondente ao xacemento. A empresa adxudicataria destas obras é Norvial SL, cun proxecto valorado en 159.000 euros.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou as listaxes de 15 titulares e 15 suplentes do itinerario de condutor/a monitor/a de transporte adaptado ou escolar, unha das rotas de inserción laboral contempladas no Proxecto Actívate. Con este proxecto, o Servizo de Desenvolvemento Local e Emprego quere mellorar a capacitación e especialización de 90 persoas desempregadas, así como formar e acompañar no deseño e posta en marcha de proxectos empresariais.
Descargar todas as imaxes