Escoitar

Ópera para escolares no auditorio municipal

O auditorio municipal albergará os días 9,10 e 11 de maio o espectáculo didáctico-teatral para escolares de educación secundaria e bacharelato "Un día en la ópera" a cargo da Compañía de Zaragoza"cantArte", froito da colaboración do servizo de Educación do Concello de Vigo e a Obra Social e Cultural de Ibercaja.

luns, 8 mai 2006
1147089910opera2.jpg
Este espectáculo creado polo grupo "b vocal", tenta amosar a verdadeira esencia da ópera e zarzuela como algo vivo, sinxelo, emotivo e atractivo, onde se desvela a parte máis humana que rodea ao xénero lírico, facendo partícipe ao espectador dos pasos previos que teñen que dar os profesionais para levar a cabo unha gala lírica con todo o seu esplendor.

"Un día en la ópera" divídese en tres actos que desenvolven o fío conductor do xénero operístico nas súas tres partes básicas: presentación de trama e persoeiros, desenvolvemento escénico e dramático e desenlace coa apoteosis final. En cada unha das partes, os cantantes interpretan as grandes arias da historia da ópera e zarzuela nunha inolvidable experiencia divulgativa e divertida.

Ao longo das seis sesións matinais programadas para escolares ás 10,30 hs e 11,45 hs respectivamente, 1513 alumnos/as de educación secundaria e bacharelato pertencentes a 26 centros de ensino da cidade, terán a oportunidade de achegarse a disfrutar da referida obra didáctico-teatral, ofertada no marco do programa educativo municipal "Vigo por dentro". Todos os centros de ensino participantes teñen recibido previamente para o seu traballo inicial de motivación na aula, o caderno didáctico da actividade.

Os centros de ensino participantes son os seguintes: IES San Tomé de Freixeiro, Colexio Losada, Colexio Andersen, IES A Guía, Colexio Labor, Colexio Quiñones de León, IES Teis, Colexio Carmelitas, Colexio Salesianos, IES Beade, Colexio Vista Alegre, Colexio Martín Codax, IES Castelao, Colexio Aloia, CPI Celso Emilio Ferreiro, Colexio Mariano, IES Castro, IES Alexandre Bóveda, Colexio San Fernando, IES Rosais II, Colexio S. José de la Guía, IES Carlos Casares, IES Valentín Paz Andrade, IES Ricardo Mella, IES Santa Irene e IES Coruxo.

Igualmente o mércores 10 de maio ás 19,30 está prevista unha sesión teatral en aberto para as familias, dunha duración estimada de 1 hora, sendo o acceso para o público asistente gratuito ata completar o aforo.
Descargar todas as imaxes