Escoitar

A mesa de contratación decide deixar deserto o concurso para a instalación dos colectores de lixo

martes, 15 xan 2002
A Mesa de Contratación decidiu, por unanimidade, deixar deserto o concurso convocado para a contratación da instalación, mantemento e reposición de colectores de lixo e papeleiras. Deste xeito ratifíca o acordo xa adoptado en decembro pasado por este mesmo órgano.

A Mesa tivo que volver pronunciarse despois de que no último pleno da corporación os grupos municipais do Psoe e do PP rexeitaran declarar deserto o concurso e decidiran reclamar a elaboración de máis informes para resolvelo. Agora, o goberno municipal terá que convocar un novo concurso público para adxudicar o contrato.

Os membros da Mesa de Contratación fundamentaron a súa decisión nos informes elaborados por diversos técnicos municipais. Nun deles, o do enxeñeiro municipal, indícase que ningunha das empresas consideradas aporta certificación do cumprimento na súa totalidade das normas de aplicación aos colectores de 2.400 litros. No prego de condicións esixíase ese requisito ante a próxima publicación das normas europeas para colectores desa capacidade.

Outro dos informes técnicos presentados á Mesa de Contratación, o do departamento de Intervención, coincide na conveniencia de declarar deserto o concurso e engade ás razóns apuntadas outras de índole económica. A Intervención municipal recomenda revisar os pregos de condicións e convocar un novo concurso.