Escoitar

” III Concurso de comparsas escolares”

luns, 14 xan 2002
A Concellería de Festas e Animación Sociocultural do Concello de Vigo convoca o “III Concurso de comparsas escolares” que se realizará dentro do programa de actividades e espectáculos do Entroido 2002. Neste concurso poderán tomar parte todos os colexios de Educación Infantil e Primaria, públicos e privados, da nosa cidade. Cada colexio inscrito participará cunha única comparsa integrada por un mínimo de 10 escolares.

As inscricións presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Vigo, en impreso normalizado para este fin, entre os días 16 e 30 de xaneiro, ambos inclusive. Todas aquelas solicitudes presentadas fóra deste prazo serán desestimadas calquera que sexa a causa do seu retraso. O número máximo de colexios participantes será de 17, e o criterio de selección, en caso de superarse este número será a orde de presentación de inscricións no Rexistro.

O Concello de Vigo achegará a cada colexio participante un premio de 150.- euros. Os aboamentos dos premios estarán suxeitos á normativa fiscal que corresponda. Para poder realizar este pagamento, cada colexio inscrito deberá achegar copia compulsada do CIF e certificación bancaria.

A concentración das comparsas inscritas farase na praza do Rei o venres día 8 de febreiro ás 11´30 horas, para comezar o desfile ás 12´00 horas, e que se levará a cabo ó longo da rúa Venezuela. O Concello resérvase o dereito de modificar estes horarios ou o percorrido previsto, tralo aviso ós colexios inscritos cunha antelación mínima de 72 horas.

Cada comparsa participante deberá levar no seu comezo algún elemento identificativo co nome do colexio ó que pertenza.

A concelleira de Festas e Animación Sociocultural queda facultada para resolver as posibles eventualidades ou controversias que poidan xurdir e non previstas nestas bases.