Escoitar

O Concello ordena a execución de obras na parcela de Pizarro para garantir a seguridade de peóns e coches

venres, 11 xan 2002

O alcalde, Lois Pérez Castrillo, asinou unha resolución na que se ordena á empresa Placonsa, propietaria da finca sita na rúa Pizarro entre a praza de Isabel a Católica e a rúa Vázquez Varela, a execución de obras para garantir as condicións de seguridade dos vehículos e peóns que circulan pola zona. Castrillo adoptou esta decisión tras recibir un informe técnico no que se sinala a existencia de filtracións de auga no terreo que poden producir, en periodos de fortes chuvias, algún desprendemento.

Responsables da Xerencia de Urbanismo puxéronse xa en contacto con Placonsa para discutir o tipo de obra que será necesario acometer. O Concello pediralle aos propietarios que realicen un desterro que permita ampliar a sección da rúa Pizarro e establecer así unha área segura para o paso de coches e persoas pola zona.

O Concello adoptou esta medida apoiándose na Lei do Solo de Galicia, que establece a obrigatoriedade dos propietarios de terreos de manter as condicións de seguridade e faculta aos concellos a tomar as medidas oportunas para que se executen as obras precisas.