Escoitar

O Concello colabora na reinserción de penados dándolles traballo

Oitenta e dous penados saldaron as súas débedas coa comunidade traballando para o Concello de Vigo, grazas a un convenio de colaboración entre o Ministerio de Interior e a Federación Española de Municipios e Provincias.

venres, 10 mar 2006
O Concello de Vigo adheriuse, a través dun acordo plenario do 24 de abril de 2002, a este convenio para a xestión do cumprimento das penas de traballo en beneficio da comunidade. O obxectivo do programa é facilitar a reinserción social daquelas persoas que cometeron delictos e evitar situacións traumáticas para o propio penado, ao darlle a posibilidade de substituír a pena e o consecuente ingreso en prisión por traballos en beneficio da comunidade.

Desde a sinatura deste convenio ata o día de hoxe 82 persoas redimiron as súas penas traballando para o Concello. En 2005 acolléronse ao convenio 56 personas, das cales 39 cumpriron a súa pena no Servizo Municipal de Parques e Xardíns, 4 no Servizo de Xuventude, 5 en Vigozoo, 5 en Limpeza e 3 no Instituto Municipal de Educación. No que vai de 2006 incorporáronse ao programa 17 persoas. Algúns dos penados están a cumprir penas de un e de dous anos.

A incorporación efectiva do penado ao posto de traballo realízase tras a conformidade do penado ante o xuíz. O Concello de Vigo recibe información detallada sobre o inicio do cumprimento, duración, horario e data de finalización a fin de proceder a dar de alta e de baixa ao penado na Seguridade Social.

A xestión e coordinación do programa corre a cargo da Oficina Municipal de Voluntariado, que actúa como interlocutora entre Institucións Penitenciarias e os Servizos Municipais. Os responsables dos departamentos municipais implicados son os encargados de impartir a formación específica precisa aos reos para a execución dos traballos, e supervisan e controlan as tarefas realizadas.

A relación laboral dos penados coa administración está regulada polo Real Decreto 782/2001, de 6 de xullo, que establece a protección da Seguridade Social dos sometidos a penas de traballo en beneficio da comunidade fronte a posibles accidentes de traballo e enfermidades profesionais.