Escoitar

O Goberno local asigna a gratificación dos servizos especiais realizados en agosto e decembro de 2005

A Xunta de Goberno Local asignou hoxe luns un montante duns 45.600 euros ao persoal de diversos servizos municipais para gratificar as horas de traballo especiais e extraordinarias correspondentes aos meses de agosto e decembro de 2005.

luns, 6 feb 2006
1139234911chema060206.jpg
A gratificación aboarase na nómina do presente mes a unha serie de traballadores dos servizos de Extinción de Incendios, Montes, Parques e Xardíns, Policía Local, Parque Móbil, Vías e Obras, Inspección de Vías e Obras, Oficina Supervisora de Proxectos e Inspección de Obras, Desinfección, Parque Central, Conserxería, Alcaldía e Museo.

Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou a ampliación do contrato do servizo de Limpeza da Casa do Concello e outras dependencias municipais ao incluírse nel o Centro Cívico de Saiáns. O prezo da ampliación é de 19.900 euros anuais.

Tamén na área de Patrimonio e Contratación quedou aprobada a revisión das tarifas que rexerán este ano no aparcadoiro subterráneo da praza do Rei. Así, fíxase unha tarifa de un euro por hora ou fracción a partir do 1 de xaneiro.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou un listado de 64 persoas beneficiarias do Programa BIAL (Brigadas de Inserción e Actuación Local), máis 38 suplentes, para a súa inmediata contratación en calidade de peóns. Este programa, financiado exclusivamente polo Concello, pretende facilitar experiencia e hábitos laborais a persoas desempregadas a través da súa participación en actuacións de acondicionamento e mellora da cidade. Como formación previa, o BIAL abrangue os módulos de Prevención de Riscos Laborais (20 horas), Instalacións Eléctricas (35 horas) e Albanelería (70 horas), con especialidades engadidas de Xardinería e Cantería.

Na área de Educación, foron nomeados os que serán representantes municipais nos consellos escolares de centro das escolas e colexios público de Vigo durante 2006, un por cada unha das oito zonas en que se divide o municipio. A previsión do gasto que suporá cada ano o labor destes representantes é de 10.000 euros.
Descargar todas as imaxes