Escoitar

O Concello edita unha unidade didáctica para guiar as visitas escolares ao Casco Vello

O concelleiro de Educación, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe venres a unidade didáctica "Un día no Casco Vello", editada polo Concello como unha opción para facer un itinerario por esta zona da cidade. Trinta centros de ensino utilizarán esta guía para realizaren visitas escolares ao Casco Vello.

venres, 3 feb 2006
1138975597cascovello.jpg
Entre os contidos da unidade didáctica están a hitoria do Casco Vello de Vigo, os distintos tipos de edificios segundo o seu uso, as construcións de interese arquitectónico, a importancia da conservacion do patrimonio histórico e da peonización dos espazos urbanos.

Ademais, "Un día no Casco Vello" pretende que os seus destiantarios (desde alumnos de Educación Infantil a estudantes de Bacharelato) desenvolvan habilidades como as de identificar e distinguir elementos característicos dunha cidade, recoñecer trazos dos barrios antigos de Vigo e comparar os edificios desta zona coas construcións máis modernas.

A unidade didáctica incorpora fichas de traballo que se pretenden axeitadas ao nivel educativo de cada alumno. Nestas fichas fanse preguntas que o neno ou rapaz debe responder para que busque información e probe os seus coñecementos.

Ignacio López-Chaves dixo esperar que con estas ensinanzas os alumnos "vexan o Casco Histórico non só como un lugar para pasear, senón tamén como a orixe e o xerme da nosa cidade", para que así poidan saber "que Vigo ten moita historia e que é froito do traballo e esforzo de moitas xeracións de vigueses".

O Concello distribuirá 250 exemplares desta unidade didáctica entre 30 centros de ensino. Ademais, López-Chaves indicou que o Departamento de Educación está a contemplar a posibilidade de publicar os contidos da guía en Internet.

Actualmente estanse a realizar xa visitas escolares ao Casco Vello dentro do programa educativo "Vigo por dentro".
Descargar todas as imaxes