Escoitar

O MARCO ofrece con "Urbanitas" trinta modos de ver a cidade a través de ollos novos

O MARCO acolle a partir de mañá venres 3 de febreiro, a mostra "Urbanitas". Nela, 30 novos creadores galegos nados a partir de 1970 presentan as súas actitudes e percepcións vencelladas ao contexto e espazo urbanos.

xoves, 2 feb 2006
1138887993urbanitas010206.jpg
En "Urbanitas" exporanse esculturas, instalacións, pinturas murais, grafitti, instalacións sonoras, vídeos, fotografías e debuxos. A maior parte destas obras foron producidas especificamente para esta mostra.

Os artistas participantes en "Urbanitas" son os seguintes: Mónica Alonso, Oliver Añón, Servando Barreiro, Vicente Blanco, Antón Cabaleiro, Maribel Castro, Isaac Cordal, El Tiñas, Suso Fandiño, Félix Fernández, Arturo Fuentes, Amaya González Reyes, Kiko, Pancho Lapeña, Chiu Longina, Carlos Maciá, Loreto Martínez Troncoso, Fran Meana, Berio Molina, Antía Moure, Nano 4814, Álvaro Negro, Carme Nogueira, Pablo Orza, Pelucas, Pablo Pérez, Jorge Perianes, Rubén Ramos Balsa, Rubén Santiago, Tay.

Paralelamente á exposición "Urbanitas" discorrerá a proposta "Videourbanitas", que reúne unha selección de pezas videográficas dalgúns dos artistas participantes nesta mostra, que traballan, de forma non exclusiva, co vídeo como soporte das súas creacións. O programa exhíbese en continuidade no Espazo Anexo.

"Urbanitas" e "Videourbanitas" serán clausuradas o 28 de maio. Haberá visitas guiadas todos os días ás 18:00. As visitas "á carta" para grupos e as visitas para asociacións poden solicitarse pedindo cita no 986 11 39 00/11 (extensións 307 ou 314).

Urbanitas a escena

A mostra "Urbanitas" vai acompañada dun programa de actividades paralelas nun dos patios da planta baixa, que por un tempo se converte en escenario para concertos, performances ou accións de artistas participantes e invitados.

A primeira actuación terá lugar mañá venres 3 febreiro (coincidindo coa inauguración da exposición). Trátase dun concerto a cargo do grupoTelémaco, de Lugo, e de Dj Ningunos, de Vigo. O concerto comezará ás 20:30. As seguintes actuacións serán o venres 3 de marzo e venres 7 de abril.
Descargar todas as imaxes