Escoitar

O Festival Sinsal aposta este inverno por músicos que innovan partindo da tradición

O Festival de "música para catro estacións" Sinsal trae a Vigo este inverno varios artistas novos que demostran como se poden renovar os discursos con talento, creatividade e ilusión, partindo dos instrumentos máis tradicionais, as estruturas clásicas e a admiración polos grandes creadores.

mércores, 1 feb 2006
1138802354Sinsal06fierro.jpg
Orquesta Típica Fernández Fierro
Desde a Arxentina, a Orquesta Típica Fernández Fierro suxire un novo punto de partida para a música máis representativa do seu país, o tango. "Son xente nova facendo música tradicional", explicou o coordinador do Festival, Julio Gómez, "pero teñen unha perspectiva actual e iso interésanos".

Cunha formación de orquestra típica de tango pero ao mesmo tempo coa singular actitude que a súa forma de sentir e interpretar este estilo provoca, Fernández Fierro son unha poderosa máquina capaz de levar a música popular da Arxentina ata territorios descoñecidos para os máis tradicionalistas.

O pianista e compositor alemán Volker Bertelmann fai xirar a súa música arredor dun piano e varios apuntamentos de sintetizador, baixo e percusión, aínda que pode soar como unha orquestra ao completo. Continuador da tradición de compositores como Arvo Pärt e Frangis Ali-Sade e redescubridor de mestres como John Cage, Bertelmann encontra novos camiños na música tradicional valéndose de técnicas como a de incrustar trozos de coiro, feltro ou goma entre as cordas do piano. O resultado son pequenas estampas rítmicas e baladas tranquilas con raíces nas armonías asiáticas e os tempos do minimalismo.

Yellow Swans son un dúo residente en Oakland (California, EEUU) interesado na improvisación, o uso de instrumentos eléctricos e electrónicos e a construción/reconstrución do son a través das súas desinhibidas coordenadas musicais: hardcore, dub, death metal, hip hop, ruído, jazz, folk e, sobre todo, a liberdade creativa explorada ao máximo.

A Concellaría de Cultura quere contribuír á celebración do Sinsal de 2006 cunha achega de 10.000 euros, superior aos 9.000 de 2005 e aos 3.000 de 2004. As outras fontes de financiamento do festival son as achegas privadas (en 2005 o diñeiro dos patrociandores supuxo cerca de metade dun orzamento de 40.000 euros) e a venda de entradas. O concelleiro, Ignacio López-Chaves, loou o esforzo da iniciativa privada por converter o Sinsal nun "festival de referencia".

Á repetición do esquema de edicións anteriores, a organización do festival engádelle nesta ocasión dous novos apartados: o Arquivo Sonoro e a Escola Sinsal.

Así, unha partida de 2.000 euros do orzamento do Festival Sinsal será investida na compra de material sonoro que, despois de ser documentado, entregarase a unha institución pública para que sexa posto a disposición de todas as persoas que o soliciten. O coordinador do festival, Julio Gómez, explicou esta iniciativa así: "Así como hai bibliotecas tamén pode haber discotecas con música especializada".

Por outra parte, a organización do festival proxecta o desenvolvemento dunha Escola Sinsal durante a primavera en varios colexios. Nesta escola tería lugar un obradoiro sobre os "120 anos da Historia da Música Enlatada". Segundo Julio Gómez, sería este un obradoiro práctico onde dar conta da evolución tecnolóxica que nos levou do fonógrafo a aparellos como o actual MP3. Na Escola Sinsal tamén se trataría da función dalgúns reprodutores como instrumentos (caso do tocadiscos), así como do uso racional de Internet á hora de grabar música. Neste sentido, Julio Gómez lembrou "a importancia e o sentido de escoitar a música".

Na súa estación de primavera, o Sinsal centrarase na música actual dos países nórdicos, que nas últimas décadas se converteron nun referente neste campo. Así, Noruega, Finlandia, Suecia, Dinamarca e Islandia teñen presentado ao mundo grandes artistas capaces de mudar a identidade do pop sen se supeditaren a un idioma concreto ou a un estilo en particular.
1138802354Sinsal06fierro.jpg
1138802386Sinsal06hauschka.jpg
1138802412Sinsalyellowswans06.jpg
Descargar todas as imaxes