Escoitar

Corina Porro entrevístase coa secretaria xeral de Benestar Social, María Jesús Lago

A alcaldesa, Corina Porro, mantivo hoxe luns no Concello unha entrevista coa secretaria xeral de Benestar Social da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, María Jesús Lago, para tratar temas como a creación dun centro de emerxencia social e a posta en marcha do Plan Director de Equipamentos.

luns, 6 feb 2006
1139234818bebestar060206.jpg
Despois do encontro, Corina Porro reafirmou o seu "compromiso coas persoas en situación de exclusión" e definiu como "unha prioridade" o centro de emerxencia social. Pola súa parte, María Jesús Lago afirmou que esta infraestrutura podería ser unha realidade neste mesmo ano.

Segundo explicou a secretaria xeral de Benestar Social, este centro atenderá, de maneira integral, "persoas en situación de exclusión social, como poden ser adultos que atravesan unha crise familiar, social ou económica, ou menores excluídos dos circuítos educativos".

Outro dos asuntos tratados na reunión de hoxe luns foi o Plan Director de Equipamentos, que, segundo adiantou a alcaldesa, servirá para optimizar uns recursos que "todos os colectivos deben ter ao seu alcance".

Por outra parte, a alcaldesa xustificou a transferencia dos centros sociais aos concellos argumentando que "somos a administración máis próxima aos cidadáns". Así mesmo, Corina Porro considera prioritaria a creación de centros de día nos barrios e nas parroquias. Un exemplo disto é o centro de día "Atalaia", de Teis, con 40 prazas para persoas maiores. Prevese que as obras de acondicionamento deste edificio estean rematadas no próximo mes de maio.

María Jesús Lago insistiu na súa intervención na necesidade de mellorar a accesibilidade, tanto no transporte urbano como nas edificacións. Unha liña de traballo para este ano será, segundo a secretaria xeral, a de axudar nas súas propias áreas a persoas maiores con dificultades arquitectónicas.

Como parte da cooperación da Xunta co noso Concello, dentro do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, a administración autonómica achegoulle ao Concello de Vigo un total de 800.000 euros durante 2005.

Con esta colaboración quérese garantir unha rede pública de apoio social á que poden acceder dun xeito fácil e efectivo a través das corporacións locais todas as persoas e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situacións de necesidade. Os principais obxectivos do plan son garantir uns servizos sociais básicos a toda a poboación, construír unha rede pública de equipamentos sociais e cooperar cos distintos municipios para que poidan afrontar as súas competencias na xestión dos servizos sociais.
Descargar todas as imaxes