Escoitar

Marta Iglesias entrega hoxe mércores os diplomas dos cursos de deseño de páxinas web organizados polo Concello

A concelleira de Participación Cidadá, Marta Iglesias, entrega hoxe mércores ás 19:00 no Centro Cívico "Casco Vello" (rúa Oliva 12) os diplomas acreditativos aos alumnos e alumnas dos cursos de deseño de páxinas web, impartidos durante o pasado mes de decembro.

mércores, 11 xan 2006
Con esta actividade a Concellaría de Participación Cidadá quixo achegar as novas tecnoloxías á cidadanía, potenciando a formación nas materias relacionadas con Internet.

Estes cursos, de 30 horas de duración, permitíronlles aos participantes introducirse na rede de redes e coñecer e empregar de xeito básico as principais ferramentas de que dispón Internet para o deseño de páxinas web, capacitándoos para utilizar a rede como servizo de valor engadido ás necesidades cotiás.

Con estes cursos pechouse a programación de formación en novas tecnoloxías da Concellaría de Participación Cidadá, que no entanto continuará impulsando a implantación das novas tecnoloxías da comunicación entre os cidadáns e as asociacións durante o presente 2006, ben pola súa conta, ben en colaboración con outras administracións.