Escoitar

O MARCO cerra 2005 con 11.000 visitas máis que o ano anterior

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) rexistrou durante 2005 algo máis de 58.000 visitas, cifra que supón un incremento de máis de 11.000 con respecto ao 2004. Entre os maiores éxitos de público de ano pasado están a exposición de arte xaponesa "Chikaku" e a mostra de artistas brasileiros "Desarranxo".

martes, 10 xan 2006
1136902104chikaku100106.jpeg
Imaxe de Chikaku, o grande éxito de 2005
"Chikaku. Tempo e memoria en Xapón" foi a "bomba" de 2005. Esta exposición, que pode visitarse ata o próximo 22 de xaneiro, analiza a evolución da arte nipona dos últimos 50 anos mediante obras de dezaseis artista de diversos ámbitos creativos, presentadas en distintos soportes.

Outro grande éxito do MARCO en 2005 foi "20 Desarranxos. Panorama da arte brasileira". Dentro desta exposición sobresaíron as performances dos irmáns Adriano e Fernando Guimarães.

Ademais, o ano pasado foi o da consolidación das mostras do espazo anexo do museo, onde se expoñen os proxectos de artistas galegos emerxentes. Os máis destacados foron Fran Herbello, coa súa recreación dun prado con son de grilos incluído, e Carlos Rodríguez-Méndez, autor de esculturas de grandes dimensións acompañadas de proxección de DVD.

No tocante á programación didáctica do MARCO, en 2005 estivo distinguido por unha grande acollida o proxecto "Arte e matemáticas", que se desenvolveu ao longo do verán. Por outra parte, o museo continuou ofrecendo os seus habituais talleres para nenos e familias, así como cursos de arte contemporánea para adultos.

Canto aos festivais, o máis destacado do ano foron as novas edicións de Resfest e Art Futura, ambos os dous dedicado á creación dixital aplicada ao campo do audiovisual.
Descargar todas as imaxes