Escoitar

O Concello quere achegar os servizos bibliotecarios aos cidadáns

A Concellaría de Cultura pretende achegar a información e o coñecemento aos cidadáns. Para iso, nos dous últimos anos incrementou nun 40% o gasto dedicado a potenciar a Biblioteca Central e realizou xestións para dotar a Vigo dunha rede municipal de bibliotecas.

martes, 13 dec 2005
1134481989biblio131205.jpg
Segundo explicou hoxe martes o concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, o gasto destinado a reforzar a Biblioteca Central incrementouse nun 24% en 2004 e nun 13,5% en 2005. O conxunto de accións acometidas este ano neste centro inclúe actuacións de funcionamento como obras en espazos bibliotecarios por importe de máis de 28.000 euros, a adquisición dun grupo electróxeno (11.600 euros) e a substitución de equipos de extinción automática de incendios (24.000 euros).

Ademais, ampliouse o horario da Biblioteca Central nos meses de febreiro, xuño, xullo e setembro, coincidindo coas épocas de exames. As 355 horas adicionais que os estudantes conseguiron deste xeito supuxeron un gasto duns 6.500 euros para o Concello. Outras actuacións de funcionamento foron as de mantemento das instalacións, as de subministración e diversas reparacións.

Así mesmo, o Concello xestionou dous proxectos da Biblioteca Central para incluílos no Plan Labora da Xunta de Galicia. Deste modo, de novembro de 2004 a novembro deste ano seis especialistas desenvolveron os servizos a colectivos especiais como as persoas xordas e os nenos pequenos. Por outra parte, desde setembro deste ano outros tres especialistas están a procesar informáticamente, de acordo coa normativa internacional, o fondo do depósito legal anterior a 1958

O Concello tamén potenciou a Biblioteca Central organizando visitas escolares, actuacións de contacontos, un clube de lectura e outros programas de extensión bibliotecaria como os obradoiros de inglés e os de introdución ás artes plásticas "Un verán cos pintores".

Ademais, ao longo deste ano proseguiron os labores de catalogación, compra e recolocación dos fondos, xestión da Intranet e selado, etiquetado e magnetizado dos documentos.

Rede municipal de bibliotecas

Co obxectivo de desenvolver os servizos bibliotecarios da cidade, o Concello ten realizado diversas xestións para dotar a Vigo dunha rede municipal de bibliotecas que permitiría aos vigueses ter unha accesibilidade similar á establecida en Cataluña e no Reino Unido. O Concello prevé implantar esta rede nun prazo de varios anos, que podería comprender de catro a seis exercicios orzamentarios. A rede municipal de bibliotecas estaría estructurada a través de centros xerarquizados, cunha biblioteca central e varias de segundo nivel e de proximidade.

Entre as propostas do Concello á Xunta de Galicia e á Administración Central está a de crear unha biblioteca pública do Estado en Vigo. Segundo Ignacio López-Chaves, esta biblioteca suporía para Vigo e a súa Área Metropolitana a dotación dun centro de máximo nivel técnico, como os existentes nas capitais de provincia e mesmo noutras cidades, como Xixón. A proposta do Concello contempla a construción dun novo equipamento, nun solar que facilitaría o propio Concello, ou a adaptación da actual Biblioteca Central transferíndolle o edificio ao Estado.

Por outra parte, o Concello xestiona a posta en marcha dunha nova biblioteca pública de segundo nivel, que podería instalarse no antigo centro de saúde de Teis, segundo lle propuxo á Administración Central. O Concello tamén ten reclamado a colaboración da Xunta de Galicia para que a nova biblioteca pública poida entrar en funcionamento durante 2006.

No banzo inferior e máis proximo aos cidadáns da futura rede municipal de bibliotecas estarán as bibliotecas públicas de proximidade. Como experiencia piloto, o Concello seleccionou tres centros escolares (CEIP Bouzas-Rocío, CEIP Frián-Teis e CEIP "Doutor Fleming") para pór en marcha outras tantas bibliotecas de proximidade. A actividade destas tres bibliotecas iniciarase en febreiro de 2006 e prolongarase durante todo o curso 2006-2007.

Para deseñar a rede municipal de bibliotecas, o Concello parte dun estudio da situación bibliotecaria do municipio realizado pola Universidade de Vigo, no cal se identifican os recursos transformables en bibliotecas e as zonas que deberían ser obxectivos prioritarios da programación municipal. Na tarefa de deseñar esta rede o Concello buscará o apoio da Xunta e do Ministerio de Cultura, así como da Universidade, das fundacións e doutras entidades que dispoñen de recursos bibliotecarios ou poden contribuír ao sistema dalgunha forma.
Descargar todas as imaxes