Escoitar

A Asociación Española contra o Cancro celebra o Día Mundial do Voluntario

Voluntarios da Asociación Española contra o Cancro (AECC) celebraron hoxe luns o Día Mundial do Voluntario formando un gran uve na praza do Rei, acompañados pola concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias.

luns, 12 dec 2005
1134395407aecc1.jpg
Despois de posaren sorrintes para as cámaras dos medios de comunicación, os voluntarios pasaron a ocupar as butacas do Auditorio Municipal, onde recibiron o saúdo da presidenta da AECC, Josefina Crespo. Acto seguido, Marta Iglesias dirixiuse a eles para animalos a "non decaer na vosa loita, que é a de todos". A concelleira lembrou que a colaboración entre a AECC e o Concello se materializou este ano nun convenio "que se renovará en 2006".

A celebración do Día do Voluntario por parte da AECC de Vigo completouse cunha conferencia sobre voluntariado a cargo de Emilia Aldao, xestora do Programa de Voluntariado da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra. Ademais, fíxose unha mención especial ás voluntarias do grupo "Vivir como antes". O coro da asociación, VIVACCE, púxolle a nota musical ao acto, que rematou coa interpretación do himno galego.

A Asociación Española contra o Cancro é unha entidade sen ánimo de lucro declarada de interese público, integrada por voluntarios, socios e profesionais que traballan en toda España para loitaren contra esta doenza. Os servizos que presta a AECC, todos gratuítos, van desde as campañas de prevención á acollida de enfermos e das súas familias en residencias e pisos, pasando pola investigación, a atención psicolóxica e social e os coidados paliativos para enfermos en fase terminal.

Ademais, a AECC ofrece información e atención no 900 100 036 e na páxina web www.todocancer.org.
Descargar todas as imaxes