Escoitar

O Desafío Atlántico de Grandes Veleiros de 2009 recalará en Vigo

A alcaldesa, Corina Porro, asinou hoxe martes o contrato polo que Vigo se converte nun dos portos europeos do Desafío Atlántico de Grandes Veleiros, competición anteriormente coñecida como Cutty Sark. Entre 60 e 80 destas embarcacións permanecerán aquí durante catro días.

martes, 11 out 2005
1129035544cutty1110.jpg
Segundo explicou Corina Porro, os veleiros chegarán a Vigo "entre abril e maio" de 2009, atraendo "cerca de un millón" de visitantes. A alcaldesa asegurou que o Concello vai comezar a traballar de inmediato, "como fixemos coa Volvo", para aproveitar esta "oportunidade" de lograr "abrir Vigo ao mundo". Neste proxecto estarán implicados tamén a Autoridade Portuaria, a Capitanía Marítima, Salvamento Marítimo e outras administracións, así como os clubes náuticos. De momento, o Concello achega 120.000 euros á organización do evento, aos cales sumará 400.000 posteriormente.

A alcaldesa afirmou que o Desafío é unha grande ocasión para a hostelería, o comercio e as empresas de servizos, sectores que representan dous terzos da actividade económica da nosa cidade e que haberá que "pór en marcha" de cara a este evento. Outra das prioridades do Concello para o Desafío Atlántico é a reordenación da área portuaria, que en 2009 deberá ser "máis competitiva", sen por iso deixar de ser respectuosa co medio ambiente.

Corina Porro engadiu que o contrato asinado hoxe "reflicte o compromiso do noso Goberno coas actividades náuticas de prestixio" e lembrou, neste sentido, a próxima saída da Volvo Ocean Race, regata que constitúe tamén, segundo dixo, unha oportunidade de "transformación urbana" e "proxección internacional" para Vigo.


O Desafío Atlántico de Grandes Veleiros comezará en abril ou maio de 2009, probablemente cunha regata desde un porto do sur de Inglaterra ou do norte de Francia a outro porto na Península Ibérica. A frota continuará despois ata as Illas Bermudas, coa posibilidade de facer unha pequena escala nas Canarias. Desde as Bermudas, os veleiros navegarán pola costa leste dos Estados Unidos ata o porto de Halifax, en Canadá, e haberá unha regata final que cruzará de volta o Atlántico desde alí ata Belfast, en Irlanda do Norte.
Descargar todas as imaxes