Escoitar

O Concello promociona o deporte vigués con axudas por valor de 680.000 euros

O Concello subvencionará con cerca de 680.000 euros as actividades de cento corenta e unha entidades deportivas viguesas durante a temporada 2004-2005, segundo acordou a Xunta de Goberno Local na súa reunión de hoxe luns. Outra das súas decisións foi a de anular as axudas municipais para libros en 1º, 2º e 5º de primaria, debido ao programa de gratuidade da Consellería de Educación.

luns, 10 out 2005
1128950572chema1010.jpg
O importe das subvencións ás entidades deportivas vai desde os 300 euros concedidos a algúns clubes de base ata os 107.580 que percibirá a Sociedad Deportiva Octavio Vigo. Para baremar as axudas tivéronse en conta o nivel deportivo das entidades, a incidencia da modalidade que practican e outros factores como a necesidade de alugar instalacións, a participación en competicións e a organización de actividades.

A concelleira de Deportes, Lucía Molares, salientou hoxe luns o incremento destas subvencións en máis dun 50% con respecto á temporada anterior, cando foran de 451.000 euros. Segundo Lucía Molares, estas axudas permitirán que os seus beneficiarios "teñan máis fácil centrarse nos temas deportivos que nos económicos".

Tan só 15 das 156 solicitudes de subvención foron rexeitadas, ben por non se presentaren a tempo, ben por non contaren coa documentación completa ou por non estaren as entidades solicitantes ao corrente no pagamento ao organismo autónomo Instituto Municipal dos Deportes. En total, avaliáronse clubes pertencentes a 38 modalidades deportivas distintas.

Por outra parte, a Xunta de Goberno Local anulou as axudas municipais aos alumnos de 1º, 2º e 5º de educación primaria para a adquisición de libros de texto. Estas axudas resultaban incompatibles coas publicadas nunha orde da Xunta de Galicia para estes mesmos cursos.

Are More

A Xunta de Goberno tamén acordou a contratación de tres concertos para o Festival de Música "Are More": o da orquestra Wiener Akademie, por cerca de 60.500 euros; o da orquestra Odhecaton, por uns 6.300; e o de Fernando Argenta, por 40.600 euros. Ademais, quedou adxudicado o concurso de contratación da difusión deste festival, por un importe de 59.050 euros.

Xardineiras colgantes

Así mesmo, decidiuse que a empresa Calfensa sexa a encargada de subministrar e instalar 144 xardineiras colgantes en varias rúas comerciais. O Concello destinará a estes traballos uns 86.700 euros, con cargo ao Plan de Dinamización Comercial. Calfensa foi a encargada de executar a primeria fase deste proxecto, para o cal usou xardineiras do mesmo modelo que as que instalará grazas a esta nova adxudicación.
Descargar todas as imaxes