Escoitar

O Museo "Quiñones de León" conta xa cunha páxina web propia

O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, presentou a páxina web do Museo Municipal "Quiñones de León". Nesta páxina está contida toda a información relativa ás exposicións e actividades do museo e ás características do Pazo de Castrelos, que o alberga.

xoves, 9 xuñ 2005
1118321657pazo0906.jpeg
O Museo Municipal "Quiñones de León" conta xa cunha páxina web, www.museodevigo.org, na que se ofrece información sobre as exposicións e actividades do museo, así como sobre o propio Pazo de Castrelos. O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, dixo durante a presentación desta páxina web hoxe xoves que "é necesario divulgar con instrumentos telemáticos este museo, o primeiro da cidade pola súa historia e o máis querido polos vigueses". Para este fin, ademais, o Concello distribúe un folleto explicativo a través de hoteis e oficinas de turismo.
O director do "Quiñones de León", Pepe Ballesta, dixo que "obxectivo desta páxina web é dar a coñecer o museo municipal, e non só as súas coleccións, senón tamén o propio edificio" en que está situado.
A páxina web, "a máis completa sobre un pazo galego", en opinión de Pepe Ballesta, ofrece toda a información relacionada co museo. Así, en primeiro lugar explica como chegar ao Pazo de Castrelos e os servizos para o visitante que hai nese edificio. Na páxina web tamén se conta a historia do Pazo, descríbense a súa arquitectura, os seus interiores e os seus xardíns, faise unha relación dos seus cadros e das súas pezas de cerámica, e ofrecese a posibilidade de facer unha visita guiada, de momento a través de imaxes fotográficas, pero proximamente tamén por medio de vídeos.
Así mesmo, na páxina presentada hoxe contéñense as relacións das actividades, exposicións e coleccións do museo. Segundo explicou Pepe Ballesta, un dos obxectivos dos autores da páxina é introducir na web a totalidade dos fondos do museo, con fichas técnicas que dean conta das características de cada obra.
Pepe Ballesta lamentou que o Museo Municipal "Quiñones de León" sexa "descoñecido fóra de Galicia". Para subsanar este problema, a páxina web estará dispoñible en inglés dentro de pouco. Actualmente hai versións galega e castelá.
Descargar todas as imaxes