Escoitar
O conselleiro de Pesca abordará o futuro do aproveitamento sustentable dos recursos pesqueiros

López Veiga clausura o ciclo "Polos mares de Galicia"

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, clausura o, 2 de xuño, o ciclo "Polos mares de Galicia", que se vén desenvolvendo dende o pasado 19 de maio organizado polo departamento de Cultura do Concello de Vigo en colaboración coa Fundación CaixaGalicia e a Universidade de Vigo.

mércores, 1 xuñ 2005
1117625072lopezveiga.jpeg
Enrique López Veiga
No acto, que terá lugar na Aula Sociocultura da Fundación CaixaGalicia, López Veiga , ás 20 horas, abordará o futuro marítimo de Galicia, partindo da idea de que o mar é unha fonte de recursos de vital importancia no desenvolvemento de Galicia dende hai séculos.

Deste xeito, na súa intervención, o conselleiro de Pesca tratará, dende a realidade actual, o futuro do aproveitamento sustentable dos recursos pesqueiros galegos, pero tamén desde outras perspectivas, posto que o mar, para Galicia non so é pesca. Tamén é comercio, vía de comunicación co resto do mundo e base para o desenvolvemento dunha industria naval e da transformación pesqueira que teñen vital importancia para Galicia.

Enrique López Veiga é un dos maiores especialistas en materia de recursos pesqueiros, actividade á que estivo volcado nos últimos trinta anos, xa que entre 1972 e 1978 realizou tarefas de investigación en oceanografía, ecoloxía e bioloxía mariña no Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo.

A partir de 1982 ocupou o cargo de director-xerente da Sociedade Cooperativa de Armadores de Buques de Pesca do Porto de Vigo, en 1987 ingresou por oposición na Direción Xeral de Pesca da Comisión Europea e en 1988 é nomeado xefe de división de Estructuras da Pesca na devandita Dirección Xeral.

Tras desempeñar o cargo de conselleiro de Pesca entre 1990 e 1993, incorporouse novamente á Comisión Europea en calidade de xefe de división na Dirección Xeral da Política da Competencia da Comisión Europea.

En 1997, foi nomeado xefe de gabinete do presidente do Parlamento Europeo, José María Gil-Robles, en xullo de 1998 ocupou a Dirección Xeral de Finanzas e do Control Financeiro do Parlamento Europeo e dende o 2001 é conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia. Ademais de numerosas publicacións científicas, é autor de varios libros sobre pesca, entre os que destacan o Plan de Ordenación dos Recursos Pesqueiros e Marisqueiros de Galicia, e o Manual de Política Pesquera.
Descargar todas as imaxes