Escoitar

A carpa "De Boa Man" permanecerá en Príncipe ata o sábado

A carpa "De Boa Man", que foi inaugurada hoxe mércores e permanecerá na rúa Príncipe ata o sábado día 4, contou coas visitas da alcaldesa Corina Porro e a concelleira Marta Iglesias. Esta campaña persegue a integración dos discapacitados, ademais de ofertar un comercio alternativo e de calidade.

mércores, 1 xuñ 2005
1117633245primera.jpg
A inauguración da VIII edición da campaña "De Boa Man" contou coa presencia da alcaldesa Corina Porro e a concelleira Marta Iglesias, que visitaron a carpa instalada na rúa Príncipe e que permanecerá ata o sábado día 4. A campaña "De Boa Man" pretende dar divulgación aos productos elaborados por persoas con discapacidade nos centros ocupacionais de diversas entidades da cidade. Estas entidades de carácter social son Apamp, Aspanex, Doa, Fundación Menelas, San Rafael, Alento e Aspavi.

A alcaldesa comentou a importancia deste tipo de iniciativas encaminadas á inserción dos colectivos menos favorecidos e destacou que o Concello de Vigo xa incluiu na súa última oferta de emprego prazas reservadas aos discapacitados, non só físicos senón tamén psicolóxicos. Como novidade Corina Porro explicou que alumnos do conservatorio de Música tocarían unhas horas diariamente xunto á carpa.

A carpa, instalada como todos os anos na rúa Príncipe esquina con Velázquez Moreno, terá un horario de apertura de 10 a 14 horas e de 17 a 21 horas e o sábado de 11 a 14 horas. No interior expóñense e véndense artigos e productos de calidade elaborados artesanalmente polos usuarios das entidades antes nomeadas.

Nesta edición da campaña haberá, ao igual que na anterior, unha serie de demostracións das distintas actividades que se realizan nos obradoiros artesanais ao longo do ano. Os usuarios das asociacións explicarán ao público asistente e farán demostracións do seu traballo nas distintas técnicas en coiro, cartón pedra, téxtil, etc...

A intención de esta iniciativa promovida pola concellería de Benestar Social e financiada pola Obra Social de Caixa Galicia é a de involucrar a todo o tecido social da cidade cara á integración social das persoas con discapacidade, así como ofertar un comercio alternativo, de calidade e máis solidario.
1117633245primera.jpg
1117633361ideal.jpg
1117633414general.jpg
Descargar todas as imaxes