Escoitar

O Campionato Galego de Escalada de Base fomentará este deporte entre os máis novos

O Pavillón das Travesas acollerá o próximo 4 de xuño o Campionato Galego de Escalada de Base 2005. Con esta proba, a Concellería de Deportes, entre outras entidades, quere achegar este deporte a rapaces e rapazas menores de idade.

xoves, 26 mai 2005
1117112681escala.jpg
A concelleira de Deportes, Lucía Molares, presentou hoxe xoves o Campionato Galego de Escalada de Base 2005. Este evento está organizado polo Club Montañeiros Celtas e a Federación Galega de Montañismo, en colaboración coa Concellería de Deportes e outras institucións e empresas.

O Campionato Galego de Escalada de Base 2005 celebrarase no rocódromo municipal, situado na pista vermella do Pavillón das Travesas, o sábado 4 de xuño a partir das 16:00. Con este evento preténdese fomentar este deporte entre os máis novos, a través de escaladas sinxelas e xogos.

A proba está dirixida a rapaces e rapazas menores de idade e divídese en dúas franxas: ata 11 anos e de 12 a 17 anos. Os nenos e nenas que non teñan cumpridos os 12 anos poden participar sen necesidade de pertencer a ningún club nin de estar federados, xa que o Campionato, no seu caso, non será competitivo.

Os mozos e mozas que non teñan cumpridos os 18 anos deben estar federados para tomaren parte no Campionato. Nesta categoría os participantes competirán nunha proba de escalada deportiva, para a cal se establecen varios premios.

Segundo explicou Lucía Molares, con esta actividade quérese dar pulo "a unha modalidade deportiva que nestes momentos é difícil de practicar na cidade". Pola súa banda, o presidente do Club Montañeiros Celtas afirmou que "sempre houbo boa canteira en Vigo".

Un membro do Centro Galego de Tecnificación de Escalada Deportiva asisitirá á proba para coñecer os participantes e o seu nivel, de cara a posibles incorporacións. Ademais, está prevista a proxección de vídeos sobre escalada para que os rapaces se entreteñan coas distintas variedades deste deporte.
Descargar todas as imaxes