Escoitar

Pleno e Xerencia ratifican a nulidade do convenio de cesión do vial de circunvalación aprobado en 1992

As votacións repetíronse en ambos organismos resultando aprobado o punto único da sesión grazas aos votos a prol do PP e as abstencións de PSOE e BNG. O PG decidiu votar en contra ao non estar de acordo coas indemnizacións.

mércores, 11 mai 2005
1115887124pleno11.jpeg
A Corporación Municipal do Concello de Vigo reuniuse hoxe en sesión extraordinaria e urxente do Pleno para tratar a nulidade do acordo plenario do 27 de novembro de 1992, sobre o convenio de cesión para o vial de circunvalación subscrito con "Miraflores Vigo, S.A." e determinar as indemnizacións procedentes. O punto único desta sesión plenaria complétase coa solicitude de dictame preceptivo ó Consello Consultivo de Galicia. Anteriormente ao pleno realizouse unha xuntanza do Consello da Xerencia de Urbanismo para dar luz verde ao tema, xa que debía ser aprobado primeiro por este organismo.

O resultado das votacións, tanto no Consello da Xerencia como no Pleno da Corporación foi o mesmo: votos en contra do Partido Galeguista, abstencións de PSOE e BNG e a prol o Partido Popular.

O PG expuxo que, pese a estar de acordo coa nulidade, non o está coa indemnización que recibirá o propietario, superior ás que recibiron outros propietarios no seu momento, e expón que corresponde a Fomento facerse cargo dos pagos. Manoel Soto indicou que debe facerse unha valoración do terreo e sumar os intereses de demora facendo un pagamento xusto e "se polo camiño pódese chegar a un acordo, moito mellor, pero se a posición do propietario, defendendo os seus lexítimos intereses, é intransixente poderíase chegar aos tribunais de xustiza, gañando sempre a causa do Concello que é a de interese xeral", dixo.

O BNG alegou que dada a caducidade do expediente e a nulidade do acordo do 92 o proceso conduce inevitablemente a unha indemnización. O PSOE pola súa parte explicou que non poden apoiar ao Goberno cun expediente que debería estar resolto fai un ano e que caducou dúas veces e vai camiño de facelo outra vez. Para Mauricio Ruíz esta demora vai en prexuízo do patrimonio do Concello.

José Manuel Figueroa defendeuse alegando que este é un problema adquirido doutros Gobernos e non xerado por eles mesmos e que estaría resolto se non fose pola súa complexidade e as posturas das partes. O voceiro explicou que a solución que propoñen é a única posible que ofrecen os técnicos.
Descargar todas as imaxes