Escoitar

O novo vial de Balaídos aliviará o tráfico duns 2.000 camións diarios polo casco urbano

Corina Porro, López Peña e Alberto Núñez Feijóo, ademais de numerosos políticos locais, asistiron á colocación da primeira pedra do vial que conectará o polígono de Balaídos co norte (Santiago-Coruña) e o sur (Tui-Portugal) de Galicia, ademais do Parque Tecnológico de Valladares.

martes, 10 mai 2005
A alcaldesa Corina Porro asistiu hoxe martes ao acto de posta da primeira pedra do vial de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos, ao que tamén asistiron o delegado de Zona Franca, Francisco López Peña, o vicepresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e diversos políticos locais. A alcaldesa destacou a importancia desta nova infraestructura para a economía viguesa, representada na prosperidade da empresa Citroën, e para o conxunto dos vigueses, dado o alivio do tráfico pesado na cidade.

"Dunha parte- explicou a alcaldesa- hai que destacar a necesidade de Citroën de mellorar as súas comunicacións para garantir a súa concorrencia e crecemento, que resulta fundamental para o futuro dos máis de 40.000 postos de traballo que xera o sector da automoción en Vigo". A través deste vial a factoría de Balaídos estará unida co norte pola autopista Baiona-Vigo-Santiago-A Coruña e conectará ao sur con Portugal por Tui. "Era tamén necesario incluír a súa conexión co Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares, unha cuestión principal da que adoecía o trazado don segundo cinto", continuou.

Corina Porro afirmou esperar uns "resultados satisfactorios" coa nova conexión que retirará do tráfico urbano uns 2.000 camións diarios, principalmente da avenida de Portanet, avenida de Zona Franca e arredores, ao conectar directamente coa A9 e o Parque Tecnolóxico.