Escoitar

Vigo celebra o "Correlíngua 2005"

Baixo o lema de "GALEGO: UN BICO NA LINGUA", máis de 3.000 escolares dos centros de ensino de Vigo e comarca van tomar as rúas da nosa cidade para participaren na 8º etapa da presente edición do Correlingua.

martes, 10 mai 2005
1115728319correlingua.jpg
O percorrido será dende o Concello ata o Parque de Castrelos. Os máis pequenos terán actividades específicas no Parque a partir das 11 da mañá. Haberá camisetas, bebida e froita para os participantes, así como diversos agasallos.

O acto festivo no Parque estará dirixido por "O CARUNCHO" e o grupo de rap "DEUS QUE TE CRIOU".Tamén actuarán un grupo de alumnos que se chaman "Travelers".

Na saída da carreira intervirá a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e así mesmo contarese coa presenza do adestrador do Celta , Fernando Vázquez.

CORRELINGUA é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

Esta actividades está deseñada e organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística , os Equipos de Normalización dos centros escolares así como os concellos de Santiago, Pontevedra, Lugo, Vigo e Narón . Na nosa Comarca tamén colaboran os concellos de Moaña, Mos e O Porriño. Este evento ten carácter nacional e como tal ven desenvolvéndose dende hai cinco anos.
Descargar todas as imaxes