Escoitar

A Casa das Artes acolle unha exposición de arte sacra

A Casa das Artes acollerá do 21 de abril ao 5 de xuño a exposición "Vigo. Tradición e Fe", que reúne obras de arte sacra presentes en procesións, romarías e outras expresións públicas de relixiosidade.

martes, 19 abr 2005
11139103575.jpg
Procesión do Carme na praia de Bouzas
O próximo xoves 21 de abril, ás 20:30, inaugurarase a exposición "Vigo. Tradición e Fe", promovida pola Concellería de Cultura e que permanecerá aberta ao público ata o 5 de xuño na Casa das Artes. A mostra pretende achegar á cidadanía manifestacións artísticas presentes en procesións, romarías e outras expresións públicas de relixiosidade.

O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, afirmou hoxe martes durante a presentación deste evento que esta "quizá sexa a máis importante mostra de arte sacra que se ten feito na nosa cidade". Así, a exposición "Vigo. Tradición e Fe" quere poñer en valor este tipo de arte, con pezas das coleccións do propio Museo Municipal "Quiñones de León", do Museo Diocesano de Tui-Vigo e da Igrexa de Vigo.

"Vigo. Tradición e Fe" salientará a orixe antropolóxica, relixiosa e histórica das obras expostas, o que permitirá ver doutra maneira a tradición artística viguesa, sen renunciar á súa revisión dentro do contexto da sociedade contemporánea.

O director do Museo Diocesano de Tui-Vigo e comisario da exposición, Jesús Casás, dixo que este proxecto servirá para "recoñecer as raíces cristiás da nosa civilización" e lembrou que as obras que forman parte da exposición teñen dúas vertentes, xa que ademais de seren obras de arte constitúen "testemuños de sacralidade", algo que en opinión de Jesús Casás supón "unha plusvalía".

Moitas das pezas da exposición son obxectos de culto polo que os organizadores tiveron que esperar a que pasase a Semana Santa para poderen dispoñer delas. Algunhas destas pezas poden verse na galería fotográfica que acompaña este texto.

A mostra poderá visitarse todos os días da semana no seguinte horario: de luns a venres, de 18:00 a 21:30; os sábados, de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:30; e os domingos e festivos, de 11:00 a 14:00.
11139103575.jpg
11139103951.jpg
11139104402.jpg
11139104843.jpg
11139105274.jpg
11139105806.jpg
11139106237.jpg
Descargar todas as imaxes