Escoitar

A delegada de Benestar Social preside a reunión da Rede Municipal Solidaria

O Concello de Vigo acolle ,o venres, a primeira xuntanza do 2005 da Rede Municipal Solidaria (RMS), integrada na área de Pontevedra por case trinta concellos que desenvolven políticas de cooperación ao desenvolvemento nos países do Sur e que forman parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A reunión estará presidida pola nova delegada de Benestar Social, Marta Iglesias, e terá lugar ás 11 horas na sala de comisións do Concello de Vigo.

xoves, 10 mar 2005
A RMS que naceu co desexo de fomentar a participación activa dos asociados do Fondo, está permitindo reforzar a capacidade asesora do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e impulsar actividades de divulgación e sensibilización que impliquen ó conxunto da cidadanía.

Estas xuntanzas son de suma importancia xa que nos permiten intercambiar experiencias e información para poder seguir medrando e mellorando o noso traballo.

Nesta ocasión presentaremos o Programa Vacacións con Traballo Servidores públicos ao servizo dos países do Sur, dirixido ao persoal técnico da administración local galega. Con este programa pretendemos propiciar un intercambio formativo entre o colectivo de servidores públicos locais galegos e os do Sur, contribuíndo á mellora da capacitación técnica dos especialistas das nosas contrapartes e avanzando na construción dun modelo de cooperación local galega mais comprometido no apoio as estratexias de desenvolvemento económico, técnico e humano do Sur.

Ademais presentaranse outros materiais recentemente editados polo Fondo Galego e debateranse as propostas de actuación para os próximos meses.

A Rede Municipal Solidaria está integrada por persoal técnico, na súa maioría persoal dos departamentos de servicios sociais, dos socios do Fondo. Unha das súas funcións é a de servir de enlace entre a secretaría técnica do Fondo e os representantes políticos de cada Corporación ante o Fondo. Está estructurada en sete áreas, dúas en Pontevedra, tres en A Coruña, unha en Lugo e unha en Ourense, seguindo criterios de proximidade xeográfica procurando que o número de concellos non supere os quince por área.

Nestas xuntanzas informase aos funcionarios designados de cada unha das entidades asociadas, dos pormenores de funcionamento e obxectivos que pretendemos acadar, presentamos as actividades do plan de sensibilización e recollemos as inquedanzas ou suxestións que en materia de sensibilización nos trasladan os compoñentes da Rede en base á súa propia problemática.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha entidade municipalista que impulsa e coordina os esforzos da cooperación internacional ao desenvolvemento que promoven os concellos e deputacións de Galicia.

Concellos socios de Pontevedra

A Cañiza, A Guarda, Baiona, Bueu, Cangas, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Redondela, Soutomaior,Vigo, A Estrada, Caldas de Reis, Cuntis, Poio, Pontecesures, Pontevedra, Rodeiro,Vilagarcia. Deputación de Pontevedra.