Escoitar

Muller reparte unidades didácticas polos colexios de cara a conseguir unha igualdade real entre sexos

A concienciación desde nenos do reparto das tarefas cotiás é unha das intencións destas unidades didácticas que levan por título "Corresponsabilidade".

martes, 8 mar 2005
1110292766unidadedidactica.jpeg
A concelleira de Muller, Lucía Molares, presentou con motivo do Día Internacional da Muller unha unidade didáctica co título de "Corresponsabilidade", elaborado pola concellería de Muller e o área de Promoción Económica e Desenvolvemento Local.

O caderno, que pretende involucrar aos varóns no traballo doméstico co fin de repartir estas tarefas sen discriminación de sexo, será repartido polos colexios da cidade, xa que é este o lugar adecuado para o desenvolvemento axeitado destas unidades.

O libro conta con 6 páxinas que conteñen información acerca do reparto actual do traballo doméstico en Europa e premisas a seguir para acadar unha igualdade real entre sexos. Na segunda parte, aparecen 8 actividades que poden ser realizadas polos alumnos e que lles dan unha idea do reparto das tarefas no seu propio fogar familiar.

Lucía Molares destacou algúns datos como a proporción en Europa de homes que non se encargan de ningunha tarefa no fogar. O ranking encabezao Irlanda cun 84%, seguido de España (76,6 %), Reino Unido (74,2 %) e Portugal (71,9 %), segundo a percepción dos propios homes. Segundo a das mulleres o orde non cambia, anque si as porcentaxes, resultando que os irlandeses (81,9 % segundo o seu cónxuxe) fan máis do que contan e os españois (79,7 %) fan aínda menos do que din.

En canto ao reparto das tarefas do fogar como situación compartida co emprego, a evolución dos españois pasou, dun 60,6 % das mulleres respecto ao 1,4 % dos homes en 1992, a un 61,1 % fronte ao 13,7 % tamén favorable ás mulleres en 2003. "A diferencia é importante anque aínda hai desequilibrio", comentou a concelleira.

Xunto con esta unidade didáctica a Concellería da Muller está a repartir estes días 100 lotes de 13 libros cada un, entre as distintas asociación e vogalías de muller da cidade.
Tamén se lle deu un lote a 9 bibliotecas da cidade. Os libros, seleccionados polo Departamento de Muller, son os seguintes:

Títulos _ _Autor/a

ELA, MALDITA ALMA Manuel Rivas
A PAIXON DE CAROLINA OTERO Ramón Chao
UN NOME DE DICIONARIO Amelie Nothomb
AO PE DO MAGNOLIO Mayoral Díaz
AS ONDAS Virginia Woolf
NORMAL, DIFERENTE Kristin Dunker
A SORTE DE ESPERTAR Alcalde González
A MASCARA DE PALMA F. Casalderrey
A ERA DE LAZARO P. Carballeira
SATURNO TAMEN E DEUS Uxía Casal
MENU DE DEGUSTACION Ana M. Arelano
CASCAS DE NOZ Dacosta Molanes
ROSAS, CORVOS E CANCIONS I. López Silva

Por último e tamén orientado á consecución dunha igualdade real, anque esta vez dirixido aos homes, a concellería de Muller vai realizar un curso de cociña. Este curso ven a completar o xa realizado sobre iniciación á electricidade realizado para mulleres.
Descargar todas as imaxes