Escoitar

Un artesán selleiro fará unha demostración deste oficio o sábado no CAT

O artesán selleiro Javier Fernández Lage fará unha demostración deste oficio tradicional o sábado 12 pola mañá no Centro de Artesanía Tradicional (CAT). Esta demostración, coa que se pretende achegar o público aos oficios antigos, complétase cunha rota cultural polo Casco Vello.

martes, 8 mar 2005
O artesán selleiro Javier Fernández Lage mostrará, o sábado 12 pola mañá no Centro de Artesanía Tradicional (CAT), todo o proceso do traballo tradicional de construcción das sellas. As sellas, tamén coñecidas como baldes ou ferradas, son uns recipientes cos que antigamente se transportaba auga, e o nome de selleiro fai referenza aos carpinteiros especialistas en facelas. Para facer sellas precísase unha gran destreza no oficio e mesmo coñecementos tan abstractos como os matemáticos, que están presentes á hora de realizar calquera parte deste fermoso balde.

A demostración a cargo de Javier Fernández Lage forma parte do ciclo de demostracións en vivo dirixidas a todos os públicos e que teñen lugar o segundo sábado de cada mes nas dependencias do CAT (Subida ao Castelo, nº 10). Ao longo destes meses, o CAT contará coa presenza doutros artesáns tradicionais, como tecedeiras, cesteiros, alfareiros, zoqueiros, latoeiros e ferradores.

Esta actividade ten por obxectivos crear o hábito de achegar o público ao CAT, sensibilizalo sobre a importancia de manter os oficios tradicionais, xa que constitúen un patrimonio en vías de extinción, e fomentar o interese e coñecemento sobre a riqueza cultural que nos ofrece unha cidade como Vigo.

Con esta finalidade o CAT organiza ademais unha rota cultural ao Casco Vello ligada á artesanía, con tres puntos de interese: o propio CAT, a Casa do Cesteiro e a rúa dos Cesteiros. O itinerario parte da Praza do Rei ás 11:30. Durante o percorrido ata o CAT explícanse os elementos que se van presentando, como a muralla, o castelo de San Sebastián e a rehabilitación do Casco Vello. No CAT, o público gozará da demostración feita polo artesán, que explicará todos os pormenores do seu oficio durante hora e media.

A rota continuará pola rúa da Ferrería cara á Praza de Calatrava e Argüelles, atravesando a rúa Elduayen. Na Praza da Princesa realizarase unha parada diante da cerería San José. Despois os asistentes dirixiranse á rúa dos Cestos, onde se comentará o proceso de elaboración destes artigos. Por último, na rúa Real coñecerase a Casa do Cesteiro, centro de formación en cestería tradicional dependente da concellería de Patrimonio Histórico.