Escoitar

A Concellería de Xuventude pon en marcha a primeira Liga de Improvisación para Xoves Afeccionados

A Concellería de Xuventude, dentro do programa ‘Súbete ó Castro’, pon en marcha a primeira Liga de Improvisación para Xoves Afeccionados (L.I.X.A.). Unha liga na que os actores e actrices novos da cidade se enfrontarán en combates de improvisación.

xoves, 23 dec 2004
¿Un xogo, un novo deporte, teatro improvisado? Os combates de improvisación son un novo xeito de facer teatro, o espectáculo como deporte. Un deporte no que os participantes son actores e actrices que se enfrontan entre si empregando a súa creatividade. Un deporte no que o resultado do encontro depende da votación do público. Unha experiencia sorprendente e sempre irrepetible.

Os combates de improvisación naceron en Canadá como un experimento teatral. Axiña se converteron nun xogo con numerosos seguidores. Hoxe en día contan cunha Liga Profesional de Improvisación que é televisada a nivel nacional. En pouco tempo este formato exportouse a países como Arxentina, Francia, México e desembarcou por fin en España coa creación da Liga de Improvisación Madrileña. Agora chega a Galicia e faino para quedarse.

A L.I.X.A. é a primeira Liga de Improvisación de Galicia. Unha liga onde os mozos vigueses afeccionados ao teatro poderán demostrar a súa imaxinación enfrontándose a outros equipos da mesma cidade. Diversión, espectáculo, xuventude, cultura, interacción, teatro, deporte... Todo se mestura nun cóctel perfecto que revitaliza corpo e mente.

A L.I.X.A. comezará o 21 de xaneiro, data na que terá lugar o primeiro combate, aínda que o día 19 de xaneiro será a presentación oficial do comezo da Liga, nun acto no que participarán coñecidos artistas no campo da improvisación teatral e verbal. Os combates regulares rematarán o 19 de febreiro. Sen embargo, os dous equipos mellor clasificados enfrontaranse nunha final que terá lugar o día 26 de febreiro no Auditorio do Concello.

Para participar nesta liga de improvisación non é preciso ter experiencia teatral nin pertencer a ningún grupo de teatro, xa que os mozos se poden anotar por equipos ou individualmente. A idade dos xogadores terá que estar comprendida entre os 13 e os 31 anos.

O prazo de inscrición continúa aberto. Para obter máis información deberán dirixirse ao Espacio Xoven do Castro (ao carón da pista de bicicletas), chamar ó 986 48 55 41 ou visitar a web www.cibercastro.org.