Escoitar

O Pleno acorda xuntar forzas pola pervivencia do mercado do Progreso

A totalidade dos grupos municipais están de acordo coa continuidade do mercado, se ben é difícil chegar a un acordo e respetar os dereitos de tódolos implicados.

luns, 25 out 2004
Fora da orden do día, o BNG presentou unha moción pola que pretenden defender, mediante a adopción de tódalas medidas necesarias, a pervivencia do mercado do Progreso e a implicación dos comerciantes que o integran na súa xestión. O Mercado do Progreso é un servicio municipal e a súa actividade debe estar garantida polo Goberno, máis aló das disputas entre a empresa concesionaria do servicio e os comerciantes que aspiran a participar na súa xestión.

Tódolos grupos municipais acordaron loitar pola pervivencia do mercado, anque debe primar a vía do diálogo e non esgotar as negociacións. O concelleiro Javier Guerra, que convive con este problema dende hai meses, salientou que "non é doado atopar unha solución respetando os dereitos de tódolos implicados". Convino co resto dos grupos en que o funcionamento do mercado debe garantirse, pero avisou do difícil das negociacións, que intentou incluso coa presencia de mediadores.

Violencia de xénero

O pleno aprobou por unanimidade, a proposición dunha Lei integral contra a violencia de xénero, a semellanza da aprobada polo Goberno central do PSOE. Trala breve intervención dalgúns voceiros, a presidenta do Pleno, Corina Porro, agradeceu "como muller e alcaldesa a solidariedade e boa consonancia dos grupos municipais en materia de violencia doméstica".