Escoitar

O Concello de Vigo e a consellería de Medio Ambiente estudiarán as futuras necesidades do saneamento de Vigo

Segundo o protocolo de colaboración asinado hoxe en Vigo por Corina Porro e Xosé Manuel Barreiro.

martes, 10 ago 2004
1092137923depur.jpg
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e o conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro, asinaron esta mañá o protocolo de colaboración para executar o estudo das futuras necesidades do saneamento de Vigo.

O documento servirá para analizar, entre outros puntos, as necesidades definitivas da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Lagares a longo prazo, evitando así que as actuacións que se están executando agora queden obsoletas pasado un tempo.

O departamento autonómico comezou a principios de agosto, cos informes técnicos, as obras de desodorazación, nave de transferencia e pozo de lamas dixeridas na EDAR. O prazo de execución será de nove meses.

A Consellería de Medio Ambiente, a través do organismo autónomo Augas de Galicia, financia na súa totalidade as actuacións previstas cun investimento de 2.199.228 euros. O Concello de Vigo, pola súa parte, recibirá e xestionará as obras unha vez que estean rematadas.

Proxecto
O proxecto previsto comprende as obras necesarias para rematar cos problemas dos malos olores da EDAR do Lagares. A solución adoptada para a súa desodorización consiste nun tratamento de olores por biofiltros, que vai ter un menor custe de construción das instalacións e unha redución dos custes de explotación. Escóllese ademais esta opción porque supón a eliminación da manipulación de reactivos tóxicos e agresivos como ácido sulfúrico, sosa ou hipoclorito, que requiren un coidado máis minucioso no seu manexo. Tense en conta tamén que o tratamento por biofiltros leva consigo un menor número de elementos electromecánicos sometidos a desgastes e agresións, tal e como son as bombas dosificadora de reactivo, as bombas de recirculación das solucións para o lavado, a vixilancia ou a limpeza de incrustacións nos circuítos.

O resto de actuacións que se van realizar consisten na construción dun novo silo de fangos dixeridos, a montaxe dun segundo tamizador de lamas e a construción dunha planta de transferencia. Para mellorar o impacto visual e de contención de olores, reforzarase a barreira vexetal existente mediante a plantación de árbores na zona sur e este da planta nas inmediacións do edificio industrial e espesadores de fango primario. Elevarase tamén a cota de poda da barreira vexetal existente en toda a planta.
Descargar todas as imaxes