Escoitar

O Concello planifica a creación dun polígono industrial en Bembrive

xoves, 26 xul 2001
O Concello de Vigo está a tramitar a creación dun polígono industrial na parroquia de Bembrive. Esta nova área empresarial sumarase ao recentemente creado Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valadares e ao Parque Empresarial da Garrida.

O novo polígono industrial estará no lugar coñecido como Baruxáns, a carón da autovía Vigo-O Porriño. O Consello da Xerencia acaba de aprobar inicialmente o Plan Parcial que desenvolve esta superficie de 120.000 m2. As parcelas do polígono situaranse de forma paralela á autovía. Resérvase unha superficie de 15.138 m2 para zonas verdes co obxecto de amortecer a presencia de naves industriais. Tamén se prevén 1.131 prazas de aparcamento e unha parcela de 2.500 m2 para a construcción dunha instalación deportiva.

O Plan Parcial de Baruxáns conta con informes favorables da Demarcación de Estradas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente. Nos próximos días será sometido a exposición pública.



O Concello remite á Xunta o expediente expropiatorio dos titulares de terreos na Carballa que non se sumaron á Xunta de Compensación

O Consello da Xerencia acordou trasladarlle á Consellería de Política Territorial o expediente expropiatorio dos bens e dereitos incluídos no ámbito do Peri II-06 Carballa correspondentes aos propietarios que non se incorporaron á Xunta de Compensación. A Xunta de Galicia debe ser quen resolva este trámite previo á aprobación do Proxecto de Compensación.

Unha vez aprobados e solucionados estes trámites, os propietarios dos terreos poderán comezar a urbanizar a zona comprendida entre a Avenida de Fragoso e a Avenida da Florida.