Escoitar

O Concello proxecta a construcción dun centro cultural en Valadares

xoves, 26 xul 2001
Os servicios técnicos da Xerencia de Urbanismo están a elaborar o proxecto dun edificio sociocultural que se situará na zona denominada O Pedregal, a carón do pavillón polideportivo da parroquia de Valadares. O novo centro sociocultural localizarase en terreos adquiridos polo Concello e a Comunidade Veciñal de Montes e para a súa construcción asinarase un convenio coa Consellería de Política Territorial, que xa se comprometeu a financiar a obra.

Para poñer os terreos a disposición da Consellería é necesario que o Concello se faga coa propiedade dunha pequena parcela, de 1.107 m2, situada no centro dos terreos que xa foron adquiridos pola Administración municipal. O Consello da Xerencia aprobou hoxe, por unanimidade, a permuta desa parcela por outra de propiedade municipal e do mesmo valor. Realizada esta operación, o Concello poderá cederlle á Xunta os terreos necesarios para a construcción do centro cultural.


Aprobada inicialmente a modificación puntual do Pxou relativa ao Peri IV-01 San Roque A

O Consello da Xerencia aprobou inicialmente a modificación do Pxou necesaria para poder tramitar o Plan Especial de Reforma Interior de San Roque. Esta modificación faise precisa para incorporar ao devandito Peri os criterios de ordenación previstos no convenio asinado polo Concello con Placonsa e a Asociación Pizarro Zona verde para urbanizar a parcela de Pizarro.

A modificación supón que se establece unha edificabilidade residencial no solo urbano non consolidado de 1,87 m2 por m2. A edificabilidade no solo urbano consolidado pasará a ser de 0,825 m2 por m2 e de 100 vivendas por hectárea. Isto compénsase cun aumento da superficie de zonas verdes de 11.200 m2 a 15.000 m2 e cun incremento da edificabilidade dotacional dun 9,95%.

A modificación puntual do Pxou tramitarase de forma paralela ao Peri.