Escoitar

Vigo, punto de partida do I Paseo de Automóbiles Antigos

xoves, 26 xul 2001
imx485.jpg
José Luis Blanco e Isaura Abelairas
Cerca de corenta coches de Galicia e do norte de Portugal participarán no “I Paseo de Automóbiles Antigos Vigo-Santiago polas Rías” que se celebrará o venres 27 de xullo, dentro dos actos programados nas Festas do Cristo da Victoria organizadas pola Concellería de Festas e Animación Sociocultural.

Para as once da mañá, está prevista a concentración dos vehículos que participarán nesta iniciativa, organizada polo Clube Galego de Automóbiles Antigos, e que terá lugar na praia de Samil.

Ás doce da mañá, os conductores vestidos acorde coa época do vehículo farán un percorrido polas rúas da cidade e posteriormente desprazaranse ata o Pazo-Museo “Quiñones de León” onde está prevista unha visita ó recinto.

Despois dirixiranse de novo ata Samil para xantar. Sobre as catro da tarde, os participantes emprenderán camiño ata a península do Morrazo e percorrerán lugares desta zona como Cangas, Aldán, Bueu e Marín.

O paseo de automóbiles antigos discorrerá por toda a costa da provincia de Pontevedra, a carón das rías, facendo unha parada na Toxa, para finalmente chegar ata a localidade coruñesa de Padrón onde os conductores descansarán.

O sábado, percorrerán as localidades de Ponte Beluso, Boiro, Pobra do Caramiñal, Santa Uxía de Ribeira, Porto do Son e Noia, vila na que farán un descanso para xantar.

Repostas as forzas, os conductores dirixiranse camiño a Santigo. Unha vez aquí, lucirán as súas mellores galas polas principais rúas da cidade, farán unha ofrenda ó Apóstolo, para rematar na praza da Quintana, que converterán nunha auténtica pasarela de traxes da época.

O xurado encargado de controla-los percorridos fará entrega, o domingo, a tódolos participantes dun recordo que consistirá nun coche antigo de prata e ademais premiaranse os mellores traxes da época.

Entre os automóbiles que participarán neste encontro atópanse vehículos do ano 1916 como o “Ford T” de pedais, considerado o “Coche do Século” nesa época e do que se venderon máis modelos no mundo. Tamén participará un Renault PO-1 de 1902 e que foi propiedade de Elduayen ou un Jaguar de dúas prazas, que é unha das estrelas deste paseo que reunirá a outros espectaculares vehículos das décadas dos 30 e 40.
Descargar todas as imaxes