Escoitar

Premios legais e ilegais 2001

venres, 22 xuñ 2001
O colectivo Lesbigai de Vigo concedeu o premio Legais deste ano á Marcha Mundial das Mulleres e ó catedrático de instituto Antón Fortes Torres. O premio Ilegais outórgase nesta edición ó cardeal Rouco Varela.

Os premios entregaranse o sábado no transcurso dunha cea como punto final da II Semana do orgullo Lesbai que contou para a súa organización coa colaboración da Concellería de Cultura.

Beatriz Suárez, presidenta do colectivo en Vigo destacou o esforzo de organización da Marcha Mundial das Mulleres, na que participan máis de 149 países de todo o mundo e máis de 3.700 grupos de mulleres. A Marcha está representada en Galicia pola Coordinadora Nacional Galega e na súa táboa reivindicativa recóllense expresamente estas dúas reivindicacións: “persecución de tódalas expresións sociais, institucionais, culturais, económicas... que discriminen as lesbianas”: “igualdade de dereitos (adopción, herdanza, coberturas sociais...) para todas as persoas independentemente da súa práctica sexual”.

Antón Fortes Torres (Sarria,1957) concédese tamén este ano o II Premio Legais por un poemario publicado en 1997 en Espiral Maior titulado “ Figuras masculinas de meio corpo”. O libro aposta por unha reivindicación literaria e poética do homoerotismo.

O II Premio Ilegais concédese nesta edición de 2001 a Rouco Varela , presidente da Conferencia Episcopal Española e cardeal arcebispo de Madrid. Para o colectivo Lesbigai de Vigo “ Rouco Varela é un representante significativo dun poderoso sector da Igresia Católica homófoba e intolerante cos dereitos das mulleres e homes homosexuais, unha Igresia profundamente afastada da mensaxe primixenia de Xesucristo que preconizaba como Lei suprema o amor”.

O concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, manifestou, no transcurso do acto que no se presentaron os premios, que Vigo unha vez máis sitúase á vangarda en Galicia na loita das liberdades individuais e que dende o Concello respectarase a tódolos vigueses e viguesas para ter os mesmos dereitos. Lembrou que no ano 1993, o Concello de Vigo foi a primeira cidade de Galicia que contou cun rexistro de parellas de feito.