Escoitar

O Proxecto Compás leva a cabo a campaña <br /> "Conta con elas" para o fomento da contratación de mulleres

O Proxecto Compás da Área Metropolitana de Vigo está a desenvolver a campaña de diversificación profesional "Conta con elas", en todos os concellos da Mancomunidade de Vigo, dirixida ó fomento da contratación de mulleres en oficios tradicionalmente masculinos.

martes, 18 mai 2004
1084869182valla.jpg
Esta labor de concienciación levarase a cabo durante os vindeiros meses a través de elementos de difusión como vallas publicitarias, información a empresas e sensibilización de persoal orientador e responsables de entidades relacionadas con servicios de emprego. Trátase con estas accións de sensibilizar ás empresas para que conten coas mulleres, tanto polo que se refire á súa contratación como polo que respecta á súa promoción a labores que se consideran tipicamente masculinos.

A campaña apóiase nun estudio previo sobre a baixa representación das mulleres no territorio da Mancomunidade en sectores coma a construcción, a industria, o metal ou a madeira cando a formación das mulleres representa un 19,6% do alumnado de Formación Profesional Ocupacional na rama de Edificacións e Obras Públicas, un 72% na rama de Industrias Químicas e un 23% na rama de Industrias da Madeira e Cortiza. Pontevedra é a provincia galega que rexistra a maior porcentaxe de alumnas matriculadas nos ciclos formativos de formación profesional, cun 43%.

A acción ten comezado coa colocación de 14 vallas distribuídas por todo o territorio da Mancomunidade, cunha imaxe que mostra dúas mulleres desenvolvendo tarefas profesionais que tradicionalmente foron realizadas por homes, como operadora de grúa ou soldadora.

Búscase así implicar ó sector empresarial na necesaria implantación da igualdade de oportunidades no eido laboral.

Cóntase tamén cun folleto explicativo para distribuír entre as empresas no que se explican as vantaxes da contratación de mulleres con datos sobre a capacitación profesional feminina e as axudas para a contratación.

Do mesmo xeito, se está a desenvolver unha campaña de divulgación entre as concellerías da muller e persoal orientador dos concellos do territorio da Mancomunidade.

O Proxecto Compás é un programa financiado polo Fondo Social Europeo a través da iniciativa Equal que promove novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado do traballo aberto a todos e todas, a través do deseño e do desenvolvemento de ferramentas e recursos concretos que melloren a ocupabilidade das persoas residentes da área metropolitana de Vigo.

No Proxecto Compás participan, ademais da Mancomunidade de Vigo, os sindicatos CCOO, CIG e UXT, a Confederación Provincial de Empresarios (CEP), a Deputación de Pontevedra e Caixanova.
Descargar todas as imaxes