Escoitar

Vigo acolle a mostra "Achégate ó monte" para conmemorar a semana da árbore

A alcaldesa Corina Porro e o conselleiro de Medio Ambiente , Xosé Manuel Barreiro, inauguraban hoxe a exposición "Achégate ó Monte" que organiza o departamento autonómico con motivo da celebración da Semana da Arbore. A mostra, situada no Edificio Administrativo da Xunta, permanecerá aberta ó público ata 26 de marzo.

martes, 16 mar 2004
A mostra ten un carácter didáctico e está dirixida especialmente a escolares e a calquera colectivo interesado en afondar na xestión do monte en Galicia.

Así, a exposición inclúe o módulo O ciclo vital das árbores, con información sobre os viveiros forestais, as repoboacións, a silvicultura e a transformación da madeira. Os visitantes poderán coñecer diferentes froitos e sementes, ferramentas, a distribución das especies forestais na Comunidade galega, os tratamentos de podas ou os tipos de taboleiro que se poden extraer da madeira, entre outros aspectos. Ademais, un expositor didáctico explica o novo proceso de certificación forestal e as súas vantaxes. Este módulo complétase co vídeo Achégate ó monte, onde se poden ve-los efectos da erosión e a importancia das repoboacións, e co xogo interactivo Cara a xestión sostible do monte.

Outro dos módulos céntrase na loita contra as pragas forestais, baseada principalmente no combate biolóxico. Neste sentido, abórdanse o plan de loita integrada contra o gorgullo defoliador do eucalipto, realizada coa axuda dunha avéspora que é parasito do gorgullo, e o plan de caixas-niño, no que se promove a presencia de aves insectívoras. Afóndase tamén no ciclo das pragas e doenzas.

Por outra banda, o módulo sobre os cogomelos mostra diversas especies deste producto do bosque e os tipos de solos nos que se desenvolve. A exposición inclúe tamén o módulo A paisaxe, no que se explica a campaña Un millón de árbores para os camiños, promovida pola Xunta para potencia-la riqueza paisaxística e medioambiental das rutas xacobeas con motivo do Ano Santo. Ó abeiro desta iniciativa distribuíronse xa máis de 300.000 exemplares de frondosas para a súa plantación en 117 concellos.