O Concello reforza o apoio a autónomos e empresas co programa Vigo Emprende
O alcalde informou de que o servizo municipal prestou 2.541 servizos de asesoramento e colaborou con 590 proxectos e negocios desde novembro de 2023
Abel Caballero informou da aprobación na Xunta de Goberno do pasado venres da licitación do programa Vigo Emprende, cun importe de 602.000 euros para os próximos dous anos. O rexedor destacou que o Concello continúa así apoiando a autónomos e empresas tanto na creación de novos proxectos como na consolidación dos seus negocios.
Vigo Emprende ofrece asesoramento e acompañamento a novas iniciativas empresariais e a empresas xa existentes, guiándoas desde a idea inicial ata a súa posta en marcha e colaborando posteriormente na incorporación de melloras durante o desenvolvemento da actividade.
O alcalde salientou os resultados do programa, que desde novembro de 2023 e ata o 31 de xullo deste ano realizou 2.541 servizos de asesoramento. Neste período, Vigo Emprende colaborou con 590 proxectos e negocios da cidade.
O servizo complétase cun programa formativo dirixido ás persoas emprendedoras. Neste tempo desenvolvéronse 58 obradoiros orientados a dar resposta ás súas necesidades de formación e facilitar ferramentas para a creación, desenvolvemento e consolidación dos seus proxectos empresariais.