O Concello propón á Deputación asinar o mesmo modelo de convenio dos últimos once anos para a humanización de Rosalía de Castro
Abel Caballero denunciou que a humanización “xa tiña que estar feita” e responsabilizou á Deputación de acumular máis dun ano de atraso na formalización do acordo.
O alcalde anunciou que a Xunta de Goberno aprobou o convenio para acometer a humanización da rúa Rosalía de Castro, que agora será remitido á Deputación de Pontevedra. O Concello propón que a institución provincial participe no financiamento da actuación con cargo aos cinco millóns de euros que, segundo explicou o rexedor, lle corresponden anualmente á cidade.”
O alcalde acusou á institución provincial de aplicar a Vigo no seu documento requisitos que, segundo afirmou, non esixe nos convenios que subscribe con concellos gobernados polo Partido Popular. “Hai dous tipos de convenios: os que fai cos concellos do PP e o que fai con Vigo. É un escándalo”, afirmou.
Segundo incidiu, a participación económica da Deputación “non é ningún regalo” e cifrou en arredor de 90 millóns de euros a achega que Vigo realiza ao orzamento provincial a través dos recursos procedentes do Estado, fronte aos cinco millóns que, segundo sinalou, retornan á cidade.
Caballero rexeitou tamén que os convenios incorporen esixencias relacionadas coa presenza institucional ou fotografías nos actos. “Os convenios van de obras, condicións técnicas e financiamento”, afirmou, lembrando que o Concello leva once anos subscribindo este tipo de acordos coa Deputación e que durante a presidencia de Carmela Silva se formalizaron numerosos convenios baixo os mesmos criterios que agora remite de novo o Concello.
O alcalde asegurou que o Concello seguirá adiante coa transformación de Rosalía de Castro independentemente da posición provincial. “Ímolo facer, coa Deputación ou sen a Deputación”, afirmou, acusando á institución de intentar atrasar a actuación para reducir a súa achega económica. Caballero engadiu que a Deputación tampouco quere, segundo manifestou, asinar o convenio correspondente ao ano 2027.