O alcalde insta á Xunta a iniciar “mañá mesmo” os traballos para construír un novo encoro no Oitavén
Abel Caballero responsabiliza á administración autonómica de ter perdido 15 anos e sostén que a nova infraestrutura evitaría as actuais limitacións no consumo de auga. Tamén anunciou que a próxima semana manterá unha xuntanza co rexedor de Baiona e garantirá o subministro de auga á vila veciña.
“Todo o mundo sabía que a presa de Eiras é moi pequena e que había que acometer un novo encoro”, afirmou Caballero. Segundo explicou, a actuación chegou a figurar nun documento acordado entre o Goberno de España, a Xunta e o Concello, pero posteriormente a administración autonómica paralizou a iniciativa. “Perdemos 15 anos. Xa estaría feita e non teriamos que estar agora con limitacións no consumo de auga”, sostivo.
O alcalde reaccionou así á posición expresada agora pola Xunta sobre a necesidade de construír novos encoros e reclamou responsabilidades políticas polo tempo transcorrido. Caballero lembrou que xa pedira a dimisión da conselleira competente e afirmou que xa trasladou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que considera “graves” as decisións adoptadas nesta materia.
Caballero defendeu que a nova infraestrutura no Oitavén sería un encoro de dimensións reducidas e, segundo afirmou, sen afeccións significativas sobre a contorna. “Hai que poñerse inmediatamente. Insto á Xunta a que mañá mesmo nos poñamos a traballar Goberno de España, Xunta e Vigo para facer unha nova presa augas arriba no Oitavén”, reclamou. O rexedor vinculou a necesidade de aumentar a capacidade de almacenamento coa dimensión do sistema de abastecemento de Eiras, que dá servizo tamén a outros municipios.
Neste sentido, avanzou que a próxima semana recibirá ao alcalde de Baiona e que abordará con el o abastecemento ao municipio, sinalando que o Concello prevé trasvasar auga desde Eiras ata Zamáns para subministrarlle auga a Baiona, tras recibir a súa solicitude.
Por último, Caballero referiuse a unha posible fuga na condución submarina entre Vigo e Moaña e reclamou á Xunta que actúe de inmediato. “En lugar de falar de quen ten a competencia, teñen que arranxala e despois xa se dilucidará”, afirmou.